-
“Hai moitos documentais sobre o lugar pero non reflicten a parte da decadencia, que é a menos coñecida e nós recollemos todo. Para min é fundamental responder á pregunta de que pasou” afirmou o director
-
O documental ten hoxe a súa última proxección ás 22 horas no Cineclube Padre Feijóo
“Nación de muchachos: utopía o muerte” é o primeiro documental longo de Javi Camino. O director estivo esta mañá presentando o filme, que fai un repaso pola historia de Benposta, no Centro Cultural Marcos Valcárcel. A película forma parte da sección Panorama Galicia e poderá verse de novo esta noite, no Cineclube, dende ás 22 horas.
Para o seu director, este filme supuxo o coñecemento dun mundo novo “xa que eu non coñecía casi nada da historia de Benposta, adentreime nela fai cinco anos grazas ao produtor Xabier Eirís. Cando fumos alí por primeira vez pareceume alucinante e ao empezar a escoitar á xente, inda máis”.
Para manterse fieis á realidade, en “Nación de Muchachos: Utopía o muerte” falaron con máis de 50 persoas de diversas xeracións, que lles deron a súa visión sobre a historia do lugar pero inda así “explicar todo o que aconteceu é imposible. O proxecto comezou fai cinco anos e fíxosenos tan longo porque queríamos falar con toda a xente posible e recuperar a maior cantidade posible de material”.
O director reconstrúe a historia de como xurdiu Benposta, Ciudad de los Muchachos, unha república independente no medio da España franquista dos anos 60 pero tamén o seu declive. “Hai moitos documentais sobre o lugar pero non reflicten a parte da decadencia, que é a menos coñecida e nós recollemos todo. Para min é fundamental responder á pregunta de que pasou, como unha sociedade utópica chegou a ese punto” afirma o director.
Benposta, Nación de Muchachos
O punto de inicio do documental son 15 rapaces, unha moto e un cura con chupa de coiro. Así comezou o soño do Pai Silva, un líder espiritual que fundou unha cidade habitada só por nenos e autoxestionada. Desta naceu, froito de moito esforzo e ilusión, o Circo de los Muchachos: o circo máis novo no mundo, que percorreu os cinco continentes cativando a 200 millóns de persoas. O soño fíxose realidade. Con todo, como todas as fantasías, tiña que acabar, e a Cidade dos Muchahos tivo unha caída case tan espectacular como o seu ascenso.
Javi Camino ten dirixido videoclips, series, programas de cociña, anuncios publicitarios, vídeos corporativos e documentais. Na década dos 2000 abandonou os estudos de psicoloxía para facer un ciclo de Produción Audiovisual. Fundou a compañía de produción audiovisual Magnetova Entertainment. O seu primeiro longo foi “Malditos bastardos” (2008). Na actualidade traballa no segundo, “Ronda ou diaño”. Colabora como columnista en publicacións como Vice, Tentaciones (El País), Elemmental e Notodo.