• Jon Garaño, un dos directores do filme, e o actor Vicente Vergara presentan a película esta noite na gala de clausura

 

“La trinchera infinita”, unha das películas do ano, será o filme de clausura da 24 edición do Ourense Film Festival. A cinta, dirixida por Aitor Arregi, Jon Garaño e Jose Mari Goenaga, chega ata a cidade despois do seu pase polo Festival de San Sebastián, onde acadou oito premios, incluíndo a mellor dirección e guión. É a primeira vez que os realizadores vascos, recoñecidos polo seu traballo en “Loreak” e “Handia”, pechan un festival de cine.

Jon Garaño acudiu ao OUFF en nome dos tres para contar que “La trinchera infinita” é unha película que xurdiu despois de coñecer a historia dos toupos que durante a Guerra Civil e anos posteriores agocharon nas súas casas por medo a represalia e iso retratou o documental “30 anos de escuridade”. “Pareceunos interesante facer unha película que nos axudase a falar de medo”, un medo físico e psicolóxico, dixo Garaño. O cineasta tamén lembrou que a película rodada en Ourense “Los girasoles ciegos” tamén aborda este tema.

O cineasta eloxiou o traballo dos actores Antonio de la Torre – “non te dá tomas malas” -, Belén Cuesta – “moita xente asóciaa coa comedia pero nesta película demostra que é capaz de facer calquera cousa” – e Vicente Vergara – “esperamos que sexa un descubrimento” -. Vergara acompañará a Garaño esta noite no Auditorio para presentar a película ao público.

“La trinchera infinita” narra a historia ficticia de Higinio, un home que coa axuda da súa muller Rosa decide usar un burato cavado na súa propia casa como escondite temporal. O medo ás posibles represalias, así como o amor que senten uns polos outros condenarán a un encerro que durará máis de 30 anos.