-
Na gala de clausura poderá verse un adianto de 37 minutos montado específicamente para o aniversario do festival de cine
-
O proxecto, apoiado pola Deputación de Ourense, estrearase en 2022 pero no 25 aniversario do OUFF poderemos ver un avance
-
Oscar Doviso regresa ao festival esta vez coa película de clausura tras estrear a curta “O Rebelde” en 2016
Por primeira vez na historia destes 25 anos de Festival de Cine de Ourense, dúas producións rodadas en Ourense son as encargadas de abrir e pechar a edición. Se a apertura corría a cargo “Olvido y León”, rodada na comarca do Ribeiro, a proxección de clausura será un adianto de “Luarada”, a historia de Manuel Blanco Romasanta. A estrea do filme está prevista para 2022.
O director Oscar Doviso e o actor e produtor Marcos Vázquez presentaron esta mañá o resultado de dous anos de investigación sobre a figura do que foi coñecido por moitos alcumes coma “Lobishome”, “Home Lobo de Allariz”, “Sacauntos”, “Home do unto” e incluso “Home do saco”. O traballo de Oscar Doviso saca a luz un perfil psicolóxico de Manuel Blanco Romasanta. Unha figura polémica que naceu e viviu na Galicia do século XIX e aínda hoxe figura coma o maior asasino en serie da historia documentada de España. Ó seu redor hai numerosas historias e lendas sobre as que Doviso intenta botar luz nun exercicio metódico de investigación no que recopilaron documentación do xuizo no Arquivo de Galicia e contaron co apoio dos historiadores Castor e Félix Castro Vicente.
“A historia de Romasanta ten tantos ingredientes que a realidade supera a ficción. Con este avance de 37 minutos contamos unha historia completa que logo na montaxe final irá doutra maneira”, destacou Oscar Doviso. O director quixo destacar esta versión para o 25 aniversario do Festival de cine como “un paso adiante nun proxecto ambicioso e para mostrar á veciñanza de Esgos e Arcos, que tan ben nos acolleu, os avances”.
O adianto que poderá verse na gala de clausura de mañá mostra a chegada de Romasanta a Rebordechao onde chega fuxido de Castela. Recordemos que o caso de Romasanta foi o primeiro e único xulgado como licantropía. “É un personaxe completo. Na película abordamos un amplo espectro da súa figura. Como actor é unha profunda aprendizaxe para min”, asegura Marcos Vázquez, actor protagonista e produtor do filme.
Esgos converteuse a principios de ano nun plató de cine para a gravación da primeira parte do proxecto. De feito foi en Melón de Abaixo onde a principios de ano comezou a rodaxe que contou co apoio da Deputación de Ourense e na que participaron os actores Marcos Vázquez, Helen Bertels, Patxi Bisquert, Héctor Martínez, Candela López, José Manuel Mao e Lucía Rodríguez. A previsión, paralizada pola covid, era realizar unha segunda e terceira etapa de rodaxe. A segunda prevista para agosto en terras de Castela tivo que ser adiada a causa da covid. Para finalizar o proxecto en 2022 aínda quedaría unha terceira fase. “Esperamos que a boa acollida sirva de pulo para a total financiación”, comenta Marcos Vázquez sobre os plazos iniciais previstos.
Na gala de clausura terán lugar dúas proxeccións: o avance de Luarada e a curta “Non me espera ninguén” que pecharán esta 25 edición do Festival de Cine de Ourense.
Filmografía de Oscar Doviso
O ourensán Oscar Doviso filma en 1994 a súa primeira curta “Cuenta atrás”. A finais de 2011 volve a poñerse trala cámara para a rodaxe de “desQue”. En 2014 estrea a impactante curtametraxe “Sin motivo aparente”, no que trata a violencia de xénero dende unha perspectiva diferente. No 2016, coincidindo co centenario do Alzamento de Pascua, Iván e Miguel Caride desenrolan a primeira ópera-rock de Galicia, denominada “The Rebel”, estreada en formato de cinema e conseguindo unha Mención Especial do Xurado e Organización na 40 edición da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo e estreándose de forma independente a curtametraxe “O Rebelde” no OUFF. Actualmente está a piques de dirixir a curta “Devorados por la noche” e prepara “El tiempo preservado”.