• “Manoliño Nguema” acaba de recibir o Premio ao Mellor Documental no Festival de Cine y Televisión Reino de León

  • O documental forma parte da selección de 13 pezas que se poderán ver nos vindeiros días dentro de Panorama Galicia

Manoliño Nguema” chega hoxe á cidade das Burgas dentro da programación do ciclo Panorama Galicia do 25 aniversario do Festival de Cine de Ourense. Roi Carballido e María Becerra, produtores do documental atenderon aos medios esta mañá en rolda de prensa.

A produtora comezou falando sobre a orixe do documental que “xurdiu nun taxi, en Guinea Ecuatorial, onde o director e a guionista coñeceron a Marcelo cantando o himno galego por pura casualidade. El está considerado o pai do teatro no seu país, tivo unha escola de circo con máis de 150 nenos pero no fondo sempre se sentiu galego”. Porque o protagonista, Marcelo Ndong, viviu moitos anos en Ourense e formouse na escola do Circo de los Muchachos en Benposta.

“Marcelo ten unha filosofía de vida de vivir no presente. Cando lle comentaron que queriamos facer un percorrido pola súa vida non lle pareceu importante e, de repente, empezamos a recibir material moi interesante. Por exemplo, falaba de cando estivera na casa de Chaplin sen darlle importancia” comentou María Becerra.

Pola súa banda, Roi Carballido quixo destacar os “seus profundos lazos de unión de Galicia con Guinea. Nós queríamos plasmar como volve ao seu país con intención de formar á xente de alí e como axudou a tantas persoas coa súa labor”.

Un documental de premio

A historia de Marcelo Ndong, artista africano de sesenta anos formado en España, que agora dirixe unha pequena gardería en Malabo (Guinea Ecuatorial) centra “Manoliño Nguema”. O documental sobre o actor, circense e escritor deténse nun dos últimos proxectos do artista, unha obra de teatro cunha trama moi especial: a súa propia vida. O veterano artista regresa así a Ourense, a lo menos na pantalla, depois de chegar á cidade das Burgas en 1969. Por entón tiña 14 anos. 

O director alicantino Antonio Grunfeld (Alcoy, 1983) firma esta peza que ven de recibir o Premio ao Mellor Documental nos Mestre Mateo 2020, tamén no Festival de Cine y Televisión Reino de León, e o Premio mellor dirección e realización CREA (Asociación Galega de Profesionais da Realización e Dirección). O proxecto conta coa participación da ONG Waka Films e a produtora Filmika Galaica, coa colaboración daa Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO).

Como cineasta documental, o traballo de Antonio Grunfeld centrouse principalmente na creación de obras de carácter social e cultural. Colabora con varias ONGs e asociacións tanto en Guinea Ecuatorial como en España, sempre usando a comunicación audiovisual como ferramenta para o cambio social. Os seus traballos foron galardoados en festivais como o Green Film Festival de Shanghai, a Bienal de Cine Científico en Ronda-Madrid-México, o Green Me Global Festival for Sustainability en Berlín ou o Festival Solidario Internacional de Cine KO & DIGITAL en Barcelona.

Panorama Galicia

Doce son os filmes que forman parte dunha nova edición do ciclo Panorama Galicia e que se proxectarán nos vindeiros días no Teatro Principal e no cineclube Padre Feijóo. Os aficionados ao cine poderán ver dúas pezas das que xa falamos en pasadas edicións do Festival de Cine de Ourense como é o caso de Entroidar e Sons do Entroido, ademais doutros filmes, maioritariamente de caracter documental.

Dous serán os días para disfrutar da proxección de Manoliño Nguema, hoxe no Teatro Principal, ás 20.30 horas, e o mércores Cineclube Padre Feijóo, ás 19.30 horas.