• Trátase dunha selección das obras expresamente creadas por Oro Claro para a escolma de relatos do cineasta de Cartelle

  • A exposición poderá verse ata o vindeiro 5 de outubro dentro da programación do OUFF 2019

 

Carlos Velo é unha das figuras clave do cinema galego e un dos nomes propios intimamente relacionados coa traxectoria do Ourense Film Festival (OUFF). De tal xeito que da colaboración da Fundación Carlos Velo e o OUFF nace a recuperación da colección de relatos inéditos do cineasta que forman a publicación “Memoria erótica”. Unha edición en castelán (en 1998 publicouse a versión en galego) que conta coa implicación do artista Xurxo Oro Claro para a creación das ilustracións que forman parte da publicación. As obras de Oro Claro amósanse agora, por vez primeira, nunha exposición que terá sede na Galería Visol e que ven a formar parte das actividades paralelas do festival de cine. Música, libros, exposicións, talleres conforman unha ampla oferta que vai máis alá do cine pivotando ao seu redor.

Memoria erótica. Exposición de Xurxo Oro Claro

Unha selección das obras orixinais creadas por Oro Claro para a obra “Memoria erótica” formarán a exposición que poderá verse na Galería Visol ata o 5 de outubro. O director ourensán Carlos Velo viaxou por derradeira vez a Galicia en 1985, co gallo da homenaxe que lle renderon nas Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia. Entre a documentación que deixou daquela, nunca volvería a Galicia ao morrer en México en 1988, figuraban os relatos orixinais dun libro titulado “Memoria erótica”. Os textos, aínda inéditos en castelán, forman parte dun volume que edita agora a Fundación Carlos Velo. E faino nunha publicación que conta coas ilustracións do artista ourensán Xurxo Oro Claro.

Non é a única presenza que a figura de Carlos Velo proxecta sobre o OUFF. Xa que dentro dos ciclos temáticos desta 24ª edición do festival de cine inclúese a Retrospectiva do Centro de Capacitación Cinematográfica de México (CCC). O CCC é unha das dúas institucións públicas nacionais adicadas á ensinanza do cine en México. Fundado polo cineasta ourensán Carlos Velo o 15 de xullo de 1975, nace co obxectivo de formar cineastas de alto nivel profesional nas áreas técnica e artística do cinema. O ciclo está formado por doce óperas primas realizadas entre os anos 2001 e 2015, a excepción de “El secreto de Romelia”, de Busi Cortés, estreada en 1988. Para a realización do ciclo contouse coa colaboración da Fundación Carlos Velo, con sede en Cartelle, que preside Carmen Leyte e cuxa presidenta de honra é Laura Gárdos, presidenta tamén do xurado de longametraxes e neta de Carlos Velo.

Así é da mostra