• Xa está aberto o prazo para a inscrición na Sección Oficial

Ourense Film Festival mantense nas datas anunciadas cando a clausura da pasada edición, entre o 25 de setembro e o 3 de outubro, cunha programación na que terá especial protagonismo a celebración do seu 25 aniversario, ademais da Sección Oficial competitiva e outras seccións paralelas que se irán anunciando nos próximos días. Igualmente potenciarase o premio dedicado á mellor produción galega participante na presente edición, o Galicia-Xacobeo, dotado con 12.000 euros, como apoio ao audiovisual propio nestes intres tan complicados para o sector e os traballadores da cultura. Trátase dun galardón transversal para calquera película de produción ou coprodución galega que participe no certame e que será concedido por unha comisión formada pola Fundación Carlos Velo, Deputación de Ourense e Xunta de Galicia.

O prazo para a recepción de películas que queiran participar na Sección Oficial do OUFF 2020 xa está aberto. Os filmes interesados poderán facer a inscrición a través das plataformas FESTHOME e Click for Festivals, ademais de facelo por medio da web do propio festival e do enderezo electrónico ouff@depourense.es  As películas que se presenten deberán estar producidas nos anos 2019 ou 2020. Poderán ser obras de ficción, de animación ou documentais e deben contar cunha duración superior a 60 minutos ademais de non terse exhibido nin editado comercialmente en España. O prazo de recepción finaliza o 15 de xullo de 2020. Pódense consultar as bases legais completas na web do festival.

Nos próximos días comezarán a facerse públicas algunhas das propostas para OUFF2020, coorganizado entre a Deputación de Ourense e a Fundación Carlos Velo.