• A gala de premios reuniu a tódolos gañadores esta mañá no Auditorio

 

A décima edición do certame de Cine OUFF Escola levou o cinema a máis de 2.000 alumnos de centros de Primaria e Secundaria de toda Galicia que presentaron os seus traballos. A nova convocatoria encádrase dentro da 24ª edición do Festival de Cinema Internacional de Ourense (OUFF 2019) e ten como obxectivo de impulsar o uso do galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo, nunha linguaxe atractiva para o alumnado, que contribúa a xerar un espírito crítico.

A gala de entrega dos premios OUFF Escola, presentada polo actor Fernando González, reuniu aos centros educativos participantes nun encontro que tivo lugar no Auditorio e ao que asistiron representantes do Concello de Ourense e da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A concelleira de Educación, María Teresa Rodríguez, salientou como esta actividade “saca a relucir a creatividade e a imaxinación dos nenos ademais de promover entre eles o uso do galego ao mesmo tempo que empregan as novas tecnoloxías”.

Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, agradeceu especialmente“a labor dos decentes, que sempre son o motor de explosión e de ideas e dedican moito tempo extraescolar a preparar estas obras audiovisuais. Tamén quero dar as grazas ao Concello de Ourense e ao festival por manter este certame que é nexo de unión de tódolos centros de Galicia”.

Premios

1º Premio en categoría infantil ou primaria

“Agapito vai de viaxe”. CEIP Plurilingüe da Palmeira

1º Premio en niveis de ensino non universitario

“Deámoslle voz”. IES Isaac Díaz Pardo

2º Premio en categoría infantil ou primaria

“Lucky Cap”. Colegio María Assumta

2º Premio en niveis de ensino non universitario

“Pulso”. IES Chan do Monte

Mellor guión en categoría infantil ou primaria

“O meu aniversario”. CEIP Plurilingüe A Pedra

Mellor guión en niveis de ensino non universitario

“Mans Salgadas”. IES de Foz

 

Proxeccións e obradoiros

Seguindo o sentir da frase “Facer cinema en Galicia é posible. Facer cinema en galego é necesario, calquera cultura que queira sobrevivir necesita do cinema” de Chano Piñeiro, o OUFF Escola pretende potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual feito nas aulas. Esta iniciativa encádrase como ferramenta dentro da Directiva Europea de Alfabetización Mediática, que busca dar formación á mocidade sobre o coñecemento e a avaliación do audiovisual.

Máis alá da entrega de premios, o OUFF 2019 inclúe neste apartado a proxección de dúas películas e a realización de dous obradoiros. As películas que se proxectarán son:

  • “Sing Street”, de John Carney. Día 3 outubro, ás 10.00 horas, no Auditorio. Dirixida a alumnos de ESO e Bachillerato.
  • “Tom Sawyer” de Hermine Huntgeburth. Día 4 de outubro, ás 10.00 horas, no Auditorio. Dirixida a alumnos de Primaria.

Tamén se impartirán dous obradoiros para achegar o cinema aos máis pequenos:

  • 2 outubro, 10 horas, Centro Cultural Marcos Valcárcel. Creación de cine. Impartido pola psicóloga e pedagoga Susana López que realizará unha achega á reciclaxe a través do cine.
  • 3 outubro, 10 horas, Centro Cultural Marcos Valcárcel. Lipdub da asociación Nenoos Ourense dirixido a alumnos de 5º de Primaria.