• “To the sea” de Julian Grünthal faise co primeiro premio mentres que 

  • “La penumbra” de Daniel Viqueira acada o segundo posto e o premio do público

 

Miguel Grandío, coordinador do OUFF en Curto, xunto co presidente do xurado, Simone Saibene, anunciaron esta mañá os filmes gañadores da sección no 25 Festival de Cine de Ourense. O presidente do xurado quixo destacar “a difícil decisión que tiveron que tomar polo alto nivel e agradecer aos meus compañeiros Aida Cobas e Jose Aragunde”.

Para Miguel Grandío, que quixo agradecer o acollemento do Cineclube Padre Feijoo, “a variedade é o que mellor definiu esta terceira edición do OUFF en Curto, un certame que xa podemos considerar consolidado. Ademais, inda que se reduciu o aforo, houbo unha alta participación do público nas votacións e contamos con varias presentacións dos directores das curtas.” Tamén fixo fincapé a que esta selección de 15 curtametraxes galegas “era perfecta para poñerse ao día do que se está facendo no audiovisual en Galicia xa que toca tódolos estilos”.

Premiados do OUFF en Curto 2020 

  • Primeiro premio á curtametraxe “To the sea”, de Julian Grünthal, pola escolla  e tratamento dun tema que, malia universal, ten moito que ver coa realidade galega, e  pola súa excelente resolución técnica e artística, especialmente no referido á fotografía e  ás interpretacións. 
  • Segundo premio á curtametraxe “La penumbra”, de Daniel Viqueira, pola  súa capacidade para viaxar entre xéneros cun resultado cautivador, capaz de transmitir  con efectividade o desacougo psicolóxico e emocional producido polo estrés pos traumático. 
  • Mención especial a “Los que no sienten”, de Marta Porto, pola súa  sinceridade á hora de amosar unha realidade descoñecida e que non sempre coincide co  relato oficial. 
  • Premio á mellor actriz a Lidia Veiga, de “Onde dormen as gaivotas”, por  conseguir amosar a evolución da súa personaxe a través de matices sutís na súa actuación,  e soster, igualmente, o peso da curtametraxe. 
  • Premio ao mellor actor a Denís Gómez, de “Mentres iso pasa”, pola súa  capacidade de transmitir a angustia que provoca o trastorno obsesivo compulsivo e  manter el só todo o peso narrativo nunha curtametraxe rodada en plano secuencia.