• Competirán seis equipos formados por un máximo de cinco persoas

  • Cada un dos equipos contará cun presuposto de 500€

 

“Fas Muvis. Límite 48h” tamén estará presente na 25 edición do Festival de Cine de Ourense. Trátase da terceira edición deste concurso que busca promover a creación audiovisual entre os máis novos incentivando a gravar unha peza nun tempo limitado. “O máis destacado é que a todos os equipos se lle asignará un presuposto para os seus gastos polo que participar xa é un premio” afirma Paulino Pérez, coordinador do proxecto xunto con Enzo Sarmiento.

Seleccionaranse seis equipos para a competición, que poderán ter ata cinco membros que deberán ser menores de 30 anos. Cada un deles terá un límite de 48 horas para rodar, entre ás 20 horas do 25 e o 27 de setembro, coincidindo co comezo do OUFF. Despois terán 96 horas para facer a montaxe da obra final, que deberá estar rematada antes das 20 horas do xoves 1 de outubro. O festival aposta un ano máis e, a pesar do complicado momento actual, polo audiovisual para os mozos. Próximamente informaremos tamén sobre o concurso de curtas.

Presuposto e premios, grandes atractivos

Un dos grandes atractivos de Fas Muvis é que cada equipo terá un presuposto de 500€ para os gastos da rodaxe. “Cada equipo poderá administralo como queira, para comidas, material, aloxamento…como se fose un equipo totalmente profesional” comenta Paulino Pérez.  

Ademais, o concurso outorgará dous galardóns: un primeiro premio dotado de 600€ e un segundo de 200€. As obras gañadoras daranse a coñecer e proxectaranse na gala de peche do OUFF, o sábado 3 de outubro. Tódolos proxectos deben estar relacionados con Ourense e poden ser ficción, documental, promocional ou reportaxe co engadido de ter unha duración de entre 3 e 10 minutos.

Ourense como protagonista

As propostas que se presenten deberán estar relacionadas coa cidade. Búscase darlle protagonismo polo que as imaxes deberán ser gravadas íntegramente en Ourense e contorna e un 40% como mínimo en exteriores. A obra deberá destacar os valores arquitectónicos, sociais, históricos, artísticos, etnográficos ou naturais da zona. Tamén se valorará o fomento de valores como a igualdade ou a integración e a orixinalidade do proxecto. 

Os interesados en participar poden enviar a súa proposta ata o día 16 de setembro ás 14 horas ao correo electrónico fasmuvis@gmail.com. As bases completas están dispoñibles na web do festival. O OUFF segue a traballar para presentar máis novidades sobre o 25 aniversario do festival, que terá lugar entre o 25 de setembro e o 3 de outubro.