Eloy Lozano

Eloy Lozano (Ourense, 1953-2009)
Foi un profesional multidisciplinar que destacou como realizador, guionista, produtor, editor e fotógrafo. Traballou sobre todo no mundo da publicidade, aínda que deixou unha pegada imborrable no cine. Ademais de dirixir a primeira edición do certame ourensán, daquela Festival de Cine Independente de Ourense (1996), realizou a primeira curtametraxe en 35 milímetros rodada en galego, “Retorno a Tagen Ata”. Foi, en palabras do crítico de cine Eduardo Galán, autor do libro sobre Lozano, “o noso pioneiro”. Nos anos oitenta realizou traballos anovadores como “Numeralia” ou “Catro escultores”.

Dirixiu unha única longametraxe de ficción, pero unha moi especial. “Belas Dormentes” (2001) é un filme rodado en Galicia, en inglés, e que adapta unha obra do Premio Nobel Yasunari Kawabata. Conta cun reparto internacional liderado por Clive Arrindell, o coñecido rostro dos anuncios do Sorteo de Nadal da Lotaría Nacional. A película foi exhibida no seu momento en varios festivais internacionais e agora chega a Ourense para conmemorar o 25 aniversario do certame de cine.

Posteriormente realizou unha serie de televisión sobre arquitectura contemporánea, titulada “Idea e Territorio” e máis o documental “Quen son?” (2008) onde reflexionaba sobre a identidade galega. Pero a súa relación coa cinematografía ía máis aló da dirección. Foi el quen impulsou a restauración do filme “O carro e o home”, rodado en 1941, e quen realizou a montaxe galega onde o texto está narrado por Xaquín Lorenzo. Fundou a produtora Off Filmes.

 

A homenaxe a Eloy Lozano completarase coa publicación da monografía que preparaou o escritor e crítico de cine Eduardo Galán co obxectivo de “reivindicar unha figura que non é suficientemente coñecida pero que é de importancia vital para o audiovisual galego”. O libro, titulado “Eloy Lozano, o cineasta que devorou a luz”, recorda a obra de Lozano a través das conversas que o seu autor mantivo cos seus familiares, amigos e colaboradores. Tamén das súas propias lembranzas, xa que Galán e Lozano eran coñecidos e traballaron xuntos na Televisión de Galicia (TVG). A publicación formará parte do catálogo de obras propias que o OUFF recuperou hai tres anos.