-
A comisión mixta formada pola organización do 25 Ourense Film Festival, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia destaca o “talento, tesón e profesionalidade da súa autores, valores nos que se ven representadas todas as mulleres do audiovisual galego que loitan por ocupar un lugar destacado no panorama nacional e internacional”
-
Manuel Baltar salientou que este galardón “afianza a posición de Ourense como capital do cinema galego”
Outorgado por unha comisión mixta formada pola organización do 25 Ourense Film Festival, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia á mellor obra con produción ou coprodución galega de todo o festival, o Premio Xacobeo xa coñece a súa primeira gañadora: Paula Cons e a súa longametraxe de ficción “La isla de las mentiras”.
“Polo talento, tesón e profesionalidade da súa autores, valores nos que se ven representadas tódalas mulleres do audiovisual galego que loitan por ocupar un lugar destacado no panorama nacional e internacional”. Así o destacou a acta da comisión que neste 25 aniversario do Festival de Cine de Ourense concede por primeira vez o Premio Xacobeo cunha contía de 12.000 euros.
Neste sentido o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quixo destacar que este galardón “afianza a posición de Ourense como capital do cinema galego”. Dotado coa máxima cantidade, “non existe en Galicia ningún premio ao audiovisual en galego como este que se otorga no 25 aniversario do OUFF”, salientou o presidente provincial.
O premio, por otra banda, “é unha homenaxe ao caracter, talante e valentía das mulleres galegas”, así o afirmou Manuel Baltar, que quixo destacar a figura de Paula Cons e a súa especial vinculación a Ourense, xa que súa é a dirección de “Eduardo Barreiros: o Henry Ford galego” e o seu traballo “Lobos sucios” abriu o OUFF de 2015. “Este premio é a dignificación da produción audiovisual en galego”, valorou.
Punto no que concordou con Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Políticas Culturais. “É o recoñecemento a unha película especialmente relevante para o audiovisual galego, que se estrea mañá nas salas comerciais, pero tamén é o recoñecemento aos profesionais do audiovisual galego e ao papel das mulleres”, afirmou.
“La isla de las Mentiras”
Tras estrenarse en Shanghai e pasar polo Festival de San Sebastián, “La isla de las mentiras” recibe o seu primer premio na 25 edición do Festival de cine de Ourense. A comisión do galardón destacou a particular ollada da directora nunha película que “usando unha singular narrativa achégamos a unha historia sorprendente e pouco coñecida que merecía ser contada, que ao tempo recolle a esencia dunha sociedade e unha forma de vida na que as protagonistas exemplifican a fortaleza, valentía e dignidade de moitas mulleres galegas.
É a primeira longametraxe de ficción de Paula Cons da que é tamén guionista xunto con Luis Marías. O proxecto, que conta coa participación de Nerea Barros, Darío Grandinetti, Aitor Luna, Victoria Teijeiro, Milo Taboada, Celso Bugallo, compite, por outra banda, na Sección Oficial do Ourense Film Festival (OUFF). Está programada unha última sesión do filme, mañá 2 de outubro, ás 19.30 horas.
Paula Cons
Paula Cons é xornalista, guionista, cineasta documental, directora de cinema e produtora española. É produtora executiva e directora de contido para Agallas Films. No 2004 entrou na ficción despois de gañar o Concurso de guións Camiño do Xacobeo con “Ideas peregrinas”, un proxecto que se converteu nunha miniserie para a produtora CTV. Desenvolveu unha película de televisión, “Eduardo Barreiros, o Henry Ford español”. O seu seguinte proxecto foi a película “Lobos sucios”, que inaugurou o OUFF no 2015, e da que Paula Cons foi co-escritora, directora de contidos e produtora executiva. No 2017 presenta o largo documental ‘A batalla descoñecida’ como guionista, directora e produtora executiva. En 2018 dirixiu con Agallas Films o docudrama “O caso de Diana Quer, 500 días”.