A 26 edición do OUFF aposta por unha Sección Oficial de calidade, con estreas de primeiro nivel e un espazo destacado para os creadores galegos  

  • Proxectaranse 71 obras audiovisuais e haberá un total de 16 estreas, 10 delas a nivel mundial

  • A Sección Oficial inclúe títulos de primeiro nivel e que veñen de ser premiados en festivais como Venecia, a Berlinale e Cannes

  • Manuel Baltar: “O Ourense Film Festival é unha homenaxe a todos os que fixeron da cidade e da provincia unha terra de cine” 

 

Ourense, 21 de setembro A película está a piques de se estrear. Cos últimos detalles pendentes da montaxe final e antes da premiere de cara o público do venres, esta mañá presentouse unha nova edición do OUFF (Ourense Film Festival). E van 26! 

71 produccións audiovisuais programadas, 33 delas con participación galega, 22 curtas, unha serie de televisión e unha web serie forman a programación deste ano. Complétase o programa con 16 estreas, 10 delas a nivel mundial, como é caso de Malencolía na gala de apertura, e 24 países representados. Todo isto programado nunha edición na que o Ourense plató de cine toma relevancia ao mesmo tempo que se aposta por unha Sección Oficial de calidade que se consolida coma un espazo de encontro dentro do panorama cinematográfico estatal. Pero imos por partes.

Carmen Leyte, presidenta da Fundación Carlos Velo, Miguel Anxo Fernández, director artístico do OUFF, Rubén Saavedra, director territorial de Ourense de ABANCA, Xosé Pastoriza, director de La Región, Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense foron os encargados de dar a coñecer os detalles esta mañá na presentación oficial. 

A 26 edición do Ourense Film Festival, “representa unha homenaxe a todos aqueles que fixeron desta cidade e desta provincia unha terra de cine, berce da cultura, da reflexión, da innovación e da vangarda”, dixo o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, nun acto no que anunciou que engadirá ás funcións da deputada de Cultura, Patricia Torres, a responsabilidade de produción audiovisual, “título que non existe na nosa contorna nacional e que reflicte perfectamente o carácter de Ourense como porta de entrada do cinema de Galicia”.

O rigor e calidade do festival, dixo, “reflíctese nestes 26 anos, edicións máis que suficientes para mirar con moito optimismo cara o futuro, comprobando como Ourense gañou visibilidade organizativa en todo este tempo e como se nos coñece en San Sebastián, en Almería, Alacante ou Málaga, onde os presidentes dos seus respectivos gobernos provinciais tamén apostan con decisión polos seus certames”. O festival, engadiu Manuel Baltar, “achega a Ourense unha personalidade propia, un espello da cultura que tan fundamental é para esta Deputación, como así quedará demostrado na inauguración e na clausura, coa proxección de senllas producións rodadas en Ourense”.

Román Rodríguez felicitou ao festival por esta 26 edición “cando hai moi poucos proxectos culturais na Galicia contemporánea que poidan pasar as vodas de prata con brillantez, e onde se comproba a grandísima identificación coa cidade e a provincia de Ourense e a notable implicación público-privada”. Unha iniciativa, afirmou, “moi importante para un sector tan puxante na cultura galega como é o audiovisual, nun momento de  esplendor creativo e de madurez, e con recoñecemento nacional e internacional”. Unha aposta clara, sinalou, ”pola industrialización e a modernización dun sector que en Galicia dá traballo a máis de 2.000 persoas, con máis de 130 empresas e que xera ingresos superiores aos 127 millóns de euros”.

Carmen Leyte, que recordou “o empeño de Manuel Baltar para que continuase o festival más antigo e importante de Galicia”, destacou a entrada en escena do OUFF da Fundación Carlos Velo “cos seus obxectivos claramente impulsores do audiovisual galego, seguindo o imaxinario do cineasta de Cartelle, e recollendo con responsabilidade e orgullo a organización e xestión do festival”.

Miguel Anxo Fernández, pola súa banda, foi o encargado de detallar o contido do programa “dun certame que este ano reforza a condición de xurado internacional da sección oficial, con representantes de México, Uruguai, Portugal e España, así como coa cinematografía de Portugal e de México, que se suman á comezada con Francia na pasada edición, ademais da concesión da Calpurnia de Honra Internacional á actriz lusa Leonor Silveira ”, subliñando ademais que “dos 71 filmes de diferente formato que compoñen esta edición, 33 teñen participación galega”.

Unha sección oficial chea de platos fortes

A competición de longametraxes deste OUFF ten nivel, moito nivel. A Sección Oficial consolídase con filmes procedentes de 12 países e que están a triunfar en festivais internacionais de primeiro nivel. Entre as 10 películas seleccionadas están Eles transportan a morte, película galega que acaba de ser premiada no Festival de Venecia e que se rodou en Ourense, Benedetta, a nova película de Paul Verhoeven que revolucinou o Festival de Cannes coa historia dunha monxa lesbiana e Mediterráneo, unha das tres preseleccionadas para representar a España nos Oscar. Haberá tres filmes que se estrearán en España dentro do OUFF: a mexicana Uzi, cuarto filme de Pepe Valle, o filme Pleasure (premiada no Festival de Gotemburgo) e a coreana Nido de Víboras, Premio do Xurado no Festival Internacional de Cine de Rotterdam e Mellor película do ano nos Premios da Crítica de Corea. 

Tamén hai oco para Listen, premio á mellor ópera prima en Venecia 2020 da directora portuguesa Ana Rocha de Sousa e Playground de Laura Wandel, Premio FIRESCI da sección Un Certain Regard en Cannes. Completan a carteleira de Sección Oficial 2021 a turca Mi mejor amigo, Premio FIPRESCI en Berlín e Mellor Película no Festival Cinemajove de València, un desgarrador relato sobre a amizade, e La ruleta de la fortuna y la fantasía, Oso de Plata na Berlinale.

Ademais, contamos con dúas películas fóra de competición. Malencolía terá a súa estrea mundial na gala de apertura do vindeiro venres e para poñer o broche de ouro teremos a estrea que se verá antes de chegar a salas, Live is life, de Dani de la Torre, Premio Ourense o pasado ano e que se proxectará na gala de clausura. Ámbalas dúas foron rodadas na provincia de Ourense. 

Máis competicións

O OUFF xa non se entende sen o OUFF en Curto, a competición na que teñen cabida as curtas máis recentes dos creadores galegos. Como nestes últimos anos, a sección dividirase en tres bloques que se proxectarán no Cineclube Padre Feijoo, colaborador imprescindible do festival. Fas Muvis, o concurso para rodar unha peza audiovisual en Ourense en 48 horas, comezará á vez que se levanta o telón do OUFF o próximo venres. Este ano como novidade, estas dúas seccións competitivas contarán coa súa propia gala na que se darán a coñecer os premiados e que terá lugar no Teatro Principal de Ourense o sábado 2 de outubro. E tamén hai un oco para o certame OUFF Escola, dirixido a promover o audiovisual e o uso do galego entre os máis novos. Eles terán o seu día o 27 de setembro, cando recollan os premios no Auditorio.

Máis cine, por favor

Pero hai moito máis. De feito, haberá outras premieres durante estes 10 días de cine. Nas Sesións Especiais, que volven un ano máis, haberá dúas estreas. Por un lado, o documental OURENSE FILM FESTIVAL: 25 ANOS DE CINE, un repaso pola historia do noso festival durante ese cuarto de siglo, e por outra banda, El cuarto de Mona, unha película galega do máis divertido dirixida por Darío Autrán. 

Como hai clásicos que nunca pasan de moda, tamén están presentes tres das seccións favoritas polos espectadores: Inédito en Ourense, na que se poden ver películas recentes de gran éxito pero que non se puideron ver na cidade e que este ano ofrece títulos como El olvido que seremos, La vida de los demás ou El inglés que cogió una maleta y se fue al fin del mundo. Tamén volve Cine e Auga, ciclo no que se proxectan diversos filmes relacionados co mundo da auga e con ese guiño ao Ourense termal, e Panorama Galicia, o espazo para as obras galegas e no que haberá tamén estreas como Acorda, un documental sobre a represión franquista na provincia de Pontevedra a través da música ou Polavisión, un fallo instantáneo de Álex López sobre a creación da Polaroid. Non hai futuro (OpusV), Os tempos mortos do Führer, El encuentro e Devolvendo o golpe completan o panorama de novidades que se verán por primeira vez no noso festival. Tamén poderemos ver por primeira vez en España Doppelgänger e Clown´s planet e un documental que chega por vez primeira a un festival, o documental Persoas S.A da lucense Cristina Palacios e que se centra no activismo LGTBI desde o mundo rural,

Outra estrea mundial que teremos nesta 26 edición é a de Quen somos Nós, unha homenaxe á Xeración Nós dirixida por Simón Casal. Esta proxección, xunto con outras catro máis, forman parte de Cine e Literatura. Neste ciclo tamén poderemos ver o documental sobre Ian Gibson e a figura de Buñuel Donde acaba la memoria, José Ángel Valente. Escribir lugar sobre o poeta ourensán ou un avance de Escribir lo imposible de Simone Saibene, con Juan Tallón e a súa novela Rewind como protagonistas.  

Outro evento que se repite é o de achegar o mundo do cinema ata os internos do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar durante a celebración do OUFF. Neste ano proxectarase a premiada película galega Ons e contarase coa presenza do seu director Alfonso Zarauza. A estes súmase os xa anunciados Cine Familiar e o Ciclo Xacobeo, que traerá o mellor das películas relacionadas co Camiño de Santiago. 

Homenaxes e premios

É de ben nacidos ser agradecidos. Por iso, este ano temos a moitos persoeiros que premiar. A actriz lusa Leonor Silveira, musa de Manoel de Oliveira, recolle esta edición da Calpurnia de Honra Internacional na gala de apertura do venres. Outros premiados que recibirán o seu galardón neste día son Luma Gómez, Premio Fundación AISGE a toda unha traxectoria, o produtor Alfonso Blanco, Premio OUFF Ourense, e Beli Martínez, a primeira persoa en recibir o Premio OUFF Chano Piñeiro.

O músico Sergio Moure recibirá o Premio OUFF Especial desta edición mentres que a Calpurnia de Honra, o galardón máis importante do festival, irá a mans do director Gonzalo Suárez, que a recibirá nunha gala no Principal o vindeiro luns 27. O martes, a directora Ainhora Rodríguez será premiada co Premio Eduardo Barreiros que recoñece á mellor ópera prima do cine español (Destello Bravío) mentres que o mércores será a quenda dun dos actores favoritos do público, Jose Coronado, quen recibe o Premio OUFF Televisión. Continúan os galardóns con Enrique Cerezo e o Premio OUFF Memoria do Cine Español. Ademais, o presidente do xurado de Sección Oficial Iván Trujillo vai recibir o Veliano de Honra que outorga a Fundación Carlos Velo o día 28 no Liceo. 

Cabe destacar tamén a homenaxe a Berlanga con motivo do centenario do seu nacemento e a Fernando Fernán Gómez polo mesmo motivo. No caso do director haberá unha exposición ademais da proxección de dúas das súas películas: El Verdugo e Esa pareja feliz mentres que para o actor haberá un acto moi especial en Allariz, onde se rodou parte de La lengua de las mariposas e el encarnou ó xa mítico Don Gregorio.

Información práctica

Agora que está orquestrada a trama desta nova edición queda pechar cun desenlace do máis práctico. No referente as entradas, hai que dicir que as proxeccións nos Galicine de Sección Oficial e as de Inédito en Ourense terán un custo de 3 euros. E aquí vén unha novidade importante: poderán mercarse de forma online a través da web dos cines. Tamén estarán á venta na billeteira do Centro Comercial Ponte Vella. As entradas online póñense á venda mañá a partir das 12 horas.

Para as demais proxeccións, a entrada será gratuita pero tendo en conta que hai que retirar tícket dende media hora antes, tanto para acudir ao Cineclube como no Teatro Principal, puidendo neste último caso adquirila tamén dende a web de Ataquilla. O xoves dende ás 12 horas estarán dispoñibles as entradas online para o Principal. Aos actos do Auditorio só se poderá acceder con invitación.

Nas próximas horas poderá consultarse a programación completa desta 26 edición do OUFF na propia web e tamén haberá programas de man dispoñibles nos distintos puntos do festival, coma no Centro Cultural Marcos Valcárcel ou no stand que se instalará na rúa do Paseo. Ao igual que na edición pasada, haberá un protocolo covid activo en todo momento e que, igual que o ano anterior, sabemos que todo o mundo cumprirá á perfección. 

Con todo isto, o guión queda case pechado. Porque inda quedan detalles por revelar que coñeceremos cando a película xa estea comezada. Agora só falta que esta 26 edición, que organiza a Fundación Carlos Velo co apoio principal da Deputación de Ourense, e que quere converter á cidade de Ourense nunha estrela do universo cinematográfico, sexa do gusto do público.