Mon Devane asina a imaxe do 28º Ourense Film Festival: unha proposta que suma a tradición ourensá co amor polo cinema e que trascende a bidimensionalidade do formato cartel. Nacido en Ourense, Mon Devane é un dos artistas urbanos máis reputados do momento; hoxe venres 18 de agosto participou na rolda de prensa de presentación da imaxe do OUFF no Centro Cultural Marcos Valcárcel xunto ao director do festival, Miguel Anxo Fernández, e o coordinador xeral, Aurelio Gómez Aguirre. A 28ª edición do OUFF celebrarase do 29 de setembro ao 8 de outubro.
Desde a organización do OUFF retomouse a iniciativa de encargar a imaxe gráfica do festival a artistas locais “como xa facían as históricas Xornadas de Cine de Ourense nos anos setenta; a partir dos anos noventa predomina o deseño e o papel dos deseñadores nos proxectos culturais, tamén no OUFF. O equipo actual decidiu recuperar a colaboración cos artistas de Ourense”, tal como explica o director Miguel Anxo Fernández. Na última edición, en 2022, foi a ilustradora alemá afincada en Ourense, Isabell Seidel, a encargada da imaxe; en 2021, foi o recoñecido debuxante David Rubín quen deixou a súa impronta gráfica no festival, en 2020 Baldomero Moreiras e en 2019 Alexandro. En 2023 a organización do OUFF decidiu contar cun dos artistas ourensáns máis internacional na actualidade: Mon Devane.
Desde hai vinte anos o artista urbano Mon Devane ten no spray a súa ferramenta de traballo. Nos últimos anos a súa pintura céntrase na realización de retratos en grandes formatos; Mon Devane participa en eventos e festivais de todo o mundo e podemos atopar a súa obra en países como Estados Unidos, México, Camaica, Bolivia, Italia, Francia, Inglaterra, etc; en Galicia é de destacar a exposición de 2021 “Las Estrellas del Camino” comisariada por Estrella Galicia e que encheu de arte o Camiño Francés, do Cebreiro ata Santiago de Compostela.
“Ao recibir este reto, a min apetecíame ir máis alá da imaxe bidimensional; empecei a traballar con art toys, xogando cunha peza que medio boneco medio escultura. Quería que a imaxe puidera envolver ao público; que segundo onde mire a figura nos diga algo distinto. A cor é unha chiscadela á miña paleta cromática habitual”, comentou Mon Devane na rolda de prensa. Esa figura tipica dun home ourensán con paraugas ao lombo e cámara en man terá diferentes aplicacións e cometidos durante o festival, como converterse no trofeo da competición de Curtas Galegas.
Do 29 de setembro ao 8 de outubro
A 28ª edición do Ourense Film Festival (OUFF) desenvolverase do 29 de setembro ao 8 de outubro. A pasada semana anunciábase o primeiros dos galardóns deste ano, co Premio Especial OUFF 2023 para o cineasta e novelista Manuel Gutiérrez Aragón. Desde a organización do OUFF queren consolidar o público do pasado ano, con máis de nove mil persoas participando nas diferentes actividades propostas polo festival, e afianzarse como un foro cultural “para a defensa, promoción e coñecemento dun audiovisual galego de calidade, persoal e que implique risco e independencia a nivel creativo”. En 2023 o festival incorpora como novidade a sección oficial de cinema galego.
O OUFF está organizado do pola Fundación Carlos Velo e patrocinado pola Deputación de Ourense.
Foto: Jorge J. Martínez