Sobre Chema Prado di Luis Enrique Parés, director de Cineteca Española, que “poucas persoas poden ter un coñecemento máis global, máis completo, deses cento e pico anos que leva existindo un artefacto máxico que se chama Cine”. A inauguración da exposición fotográfica “Series” de Chema Prado o xoves 14 no Centro Cultural Marcos Valcárcel converteuse na mellor antesala para a 28ª edición do OUFF (Ourense Film Festival), que arrancará o vindeiro 29 de setembro. No acto inaugural, na tarde do xoves 14, ademais do autor e ex director de Filmoteca Española, Chema Prado, participaron o director do OUFF, Miguel Anxo Fernández, e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor Pérez.
O presidente da Deputación, Luis Menor, exerceu de anfitrión no Centro Cultural Marcos Valcárcel, un espazo “directamente vinculado a este Festival Internacional de Cine desde hai seis anos, momento no que a institución provincial fíxose cargo dunha nova etapa do certame e, agora, acompañando o magnífico labor que desenvolve a Fundación Carlos Velo”. Luis Menor agradeceu a Chema Prado que ofreza a oportunidade de “coñecer a súa traxectoria vital e profesional a través da súa propia lente, do seu propio filtro”, momentos recollidos e plasmados, dixo, “mediante a fotografía como medio de expresión. A súa propia expresión”. Para o presidente da Deputación esta mostra ten un significado especial, “en tanto supón a primeira das actividades dunha nova edición, a número 28, do Ourense Film Festival”. Unha das principais actividades culturais, “senón a primeira”, que se celebran na provincia de Ourense e que, sobre todo, vai máis aló das nosas fronteiras.
Chema Prado é un referente para o sector cinematográfico desde hai décadas; non só en España senón no ámbito internacional, onde foi recoñecido e homenaxeado en diferentes foros e festivais. Iniciouse profesionalmente na Filmoteca Española no ano 1976 (entón denominada Filmoteca Nacional), con pouco máis de vinte anos, como responsable de programación; en 1989 era nomeado director da entidade, cargo que ocupou ata marzo de 2016. Pouco antes da súa retirada da entidade, en novembro de 2015, recollía na capital mexicana, representando á Filmoteca Española, o Premio Fénix pola Contribución á Cultura Cinematográfica de Iberoamérica. Colaborou como asesor no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián e participou como xurado nos Festivais de Cinema de Cannes, Sundance, Valladolid, Locarno, Los Ángeles, Montpellier, Guadalajara (México), La Habana, Miami, Rotterdam, Venecia e Berlín.
O público que se achegue ao Centro Cultural Marcos Valcárcel, poderá gozar de catro series de fotos: Polaroid, Nada que perder, Ciudades e Infraganti. A fotografía foi un medio de expresión para Chema Prado desde hai décadas; xa en 1993 participa nunha primeira exposición colectiva xunto a Bigas Luna, Iván Zulueta e Jesús Garay. Desde entón as súas imaxes puidéronse ver en museos e galerías, sempre co ánimo de explorar a capacidade expresiva dos diferentes formatos fotográficos. Viaxes e festivais, paixón pola pintura e unha extensa rede internacional de colegas do sector cinematográfico son elementos que conforman a crónica visual de Prado. O que foi director de Filmoteca Española foi testemuña privilexiada en proxectos e rodaxes internacionais, trabando amizade con cineastas como o falecido Bernardo Bertoluccci ou John Malkovich, de modo que o público de Ourense atoparase na exposición “Series” con rostros moi coñecidos da gran pantalla como o do director Jim Jarmusch ou o do actor Javier Bardem.
Así, a serie Polaroid -Chema Prado posúe unha variada colección deste tipo de cámara- é a máis pictórica da exposición e mostra catro composicións, cada unha delas con máis de vinte imaxes, asi como corenta e nove fotos individuais, das que corenta e catro expóñense por vez primeira. Nada que perder é unha serie tomada na cidade de Madrid, con especial interese no edificio Torres Brancas de Saiz de Oiza e poderanse ver sete imaxes polaroid branco e negro ampliadas a gran formato. A serie Ciudades componse de fotos, tamén en branco e negro, de pequeno formato, tomadas cunha pequena cámara analóxica e que resultan ser unha sorte de “diario” de viaxes, de infinitos encontros e de vida. Atoparemos á xente do cinema: actores e actrices, directores, guionistas, etc, na serie Infraganti, imaxes “roubadas” xa sexa en actos públicos ou noutros de caracter íntimo, das que Prado trae a Ourense catorce delas. Andrés Mengs encargouse do deseño da exposición “Series” no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
A exposición “Series” de Chema Prado, organizada polo 28º Ourense Film Festival e a Fundación Carlos Velo, co patrocinio da Deputación de Ourense e a colaboración de Xunta de Galicia, poderase visitar no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata o 12 de novembro. O 28º OUFF terá lugar do 29 de setembro ao 8 de outubro.