A iniciativa Viaxes de cine por Ourense regresa ao OUFF

  • O obxectivo deste proxecto é dar a coñecer lugares nos que se rodaron diversas películas na provincia de Ourense

  • Haberá tres rutas durante a celebración do OUFF

 

Ourense, 22 de setembro “Viaxes de cine por Ourense” é unha iniciativa ligada ó OUFF (Ourense Film Festival), xurdida no ano 2019 e que conta coa colaboración da Deputación de Ourense, e que busca acercarlles aos ourensáns e a todas aquelas persoas interesadas aqueles rincóns de cine que se atopan por toda a provincia. O obxectivo principal é dar a coñecer os escenarios que serviron de set de rodaxe para un gran número de películas que ó longo do tempo se teñen rodado na nosa provincia, na xa coñecida como Ourense, plató de cine.

A provincia de Ourense conta con moitos motivos para facernos viaxar, incluso aos locais, e levarnos, por exemplo, a coñecer sitios coma o río no que se bañaba Aitana Sánchez Gijón en La ley de la frontera, a escola na que o Pardal quedou marabillado polas ensinanzas do seu mestre en A lingua das bolboretas de José Luis Cuerda, a Taberna da Tía Esquilacha onde o Bocas, o Milhomes e o Cibrán pasaron parte de A Esmorga ou o colexio onde Elisa e Marcela atoparon o amor.

Este ano organizaranse tres rutas durante a celebración do OUFF de forma totalmente gratuíta. Terán como punto de encontro a Deputación de Ourense ás 9:30 horas e a viaxe de cine comezará ás 10 horas. Durante a xornada percorreranse diferentes escenarios de películas, haberá unha parada para xantar e volverase a Ourense en torno ás 18 ou 18:30 horas.

  • Luns 27: visitarase en Allariz escenarios de “A lingua das bolboretas”, “Cuñados” y “La Virgen del cristal”, en Bande de “El desorden que dejas”, logo Celanova con “Elisa y Marcela”, “Anos despois”, “El desorden que dejas” e “El bosque del lobo” para rematae en Cartelle con lugares onde se filmou “Anos despois”.
  • Mércores 29: Gomariz como escenario de “Cuñados” será o punto de partida da xornada, que continuará en Leiro (“Los Girasoles ciegos” e “Cuñados”) e Ribadavia (“A Esmorga“, “Cotolay”, “El desorden que dejas“ e “Olvido y León”). Remata a ruta en Astureses, onde se poderán ver os sitios polos que pasearon en “Elisa y Marcela“ e en “La leyenda de la doncella”.
  • Venres 1: este día comeza en Ourense, onde se visitará lugares que apareceron en “Los girasoles ciegos”, “A esmorga“, “Cuñados“, “Toro”, “Cando volvas ó meu lado”, “Pelerinaxes” e “Santoalla”. A xornada continúa cun xantar en Carballiño e a visita a Melón, onde se gravou “Cotolay”, e a Pazos de Arenteiro e Moldes, escenarios de “Elisa y Marcela”.

Ó amparo do OUFF, Viaxes de cine por Ourense busca consolidar un paquete atractivo para que a provincia de Ourense poida ser visitada dende a ollada do afeccionado ó sétimo arte, que ten curiosidade por saber algo máis daqueles fondos de escena que contemplou na pantalla grande e onde no seu momento foron recreadas algunhas historias que forman parte do cine rodado en Ourense.

Para inscribirse nestas rutas pode enviarse un correo electrónico a protocolo.ouff@depourense.es ou no teléfono 988 317 888.