“A mazá de ouro” recibe o Premio Xacobeo do 27º Festival de Cine de Ourense

O Festival de Cine de Ourense clausurou esta edición, que comezou o pasado 23 de setembro, nunha gala presentada pola actriz Isabel Blanco e o actor Chechu Salgado, Premio Ourense do OUFF 2022. 

A gala tivo como un dos puntos centrais a entrega da Calpurnia de Honra desta edición do festival ao cineasta Jaime Chávarri. Chávarri, que é un dos directores da súa xeración máis recoñecidos en España, ten no seu haber filmes xa clásicos como El desencanto (1975) e Las bicicletas no son para el verano (1984), ademais doutros como Sus ojos se cerraron (1997), Camarón (2005) -centrada no cantaor flamenco Camarón de la Isla-, ou a recentemente rodada en Ourense e que tamén puido verse na noite do venres, A mazá de ouro (2022).

Premio Xacobeo e pase especial de “A mazá de ouro”

Con A mazá de ouro, Premio Xacobeo desta edición do festival, o director regresa ao cine tras case dúas décadas de ausencia. O filme, que ten as súas localizacións no Pazo de Bentraces e noutros lugares próximos da provincia, puido verse nun pase especial no acto de clausura do festival. Está baseado na novela “Ávidas pretensiones”, de Fernando Aramburu, Premio Biblioteca Breve que anualmente concede a editorial Seix Barral, e protagonizada por actores e actrices como Adrián Lastra, Elena Seijo e Abelo Valis -que estiveron presentes na presentación- ou Marta Nieto, Sergi López, 

Narra a historia dun invitado inesperado que desestabiliza as xornadas poéticas que cada ano reúne nun illado convento do noroeste peninsular a distintas tendencias da poesía española. Mentres os poetas escriben e recitan na procura dun premio dourado, unha sospeita de plaxio, a loita por participar nunha futura antoloxía, a irreverencia dun rapeiro, o aniversario dun poeta centenario e outras situacións máis acabarán por rematar nunha noite de treboada, logo do triunfo inesperado dunha nova estrela feminina da poesía contemporánea.

Entrega dos premios

Na gala desvelouse que o Premio do Público é para O HOME E O CAN, de Ángel de la Cruz e tamén se entregaron os premios da Sección Competitiva: Calpurnia á mellor película para RESTOS DO VENTO (Portugal/Francia), de Tiago Guedes; Premio Carlos Velo á Mellor Dirección para Radivoje Andric por HOW I LEARNED TO FLY (Serbia/Croacia/Bulgaria/Eslovenia); Premio Especial do Xurado para EL AGUA (España/Suiza/Francia), de Elena López Riera; Premio ao Mellor Guion para Jean-Pierre e Luc Dardenne por TORI ET LOKITA (Bélgica/Francia; Premio á Mellor Interpretación para Arawinda Kirana por YUNI (Indonesia/Francia/Australia/Singapur) e o  Premio CIMA, outorgado pola Asociación de Mulleres Realizadoras e Medios Audiovisuais (CIMA) á mellor profesional das películas de Sección Oficial, para Gisela G. Ramos, directora e guionista de PERFUME DE GARDENIAS.