Un gran nivel artístico e técnico no Concurso de Curtametraxes Galega do Ourense Film Festival (OUFF) 2023. Así o destacan desde a organización do festival, que celebrará a súa 28ª edición do 29 de setembro ao 8 de outubro en diferentes escenarios da cidade de Ourense. O Concurso de Curtas pechouse o pasado 15 de xullo e non só se incrementou a participación respecto da edición anterior senón, tal como destacan no festival, o conxunto de traballos a concurso destaca pola súa creatividade e calidade técnica. A competición de curtas galegas do 28º OUFF establece dúas categorías de ficción e documental, e un galardón dotado con 2.500 euros en cada unha delas. A gala do “OUFF en Curto” terá lugar o venres 6 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense.
Duración e temática libres e, agás spots publicitarios e videoclips, todo tipo de xéneros e modalidades de creación. Así o establecían as bases do Concurso de Curtas co que o OUFF quere estimular o formato da curtametraxe como expresión básica da creación audiovisual galega. As curtas compiten en dúas categorías: ficción ou documental, para as que se establecen dous premios elixidos polo xurado profesional coa contía de 2.500 €. Tamén as curtas contan cun “Premio do Público”, dotado con 500 €, que pode ser compatible cos dous premios anteriores e dous premios AISGE, a mellor actor e actriz, sen dotación económica. O xurado está composto por tres profesionais do sector audiovisual galego. As curtametraxes seleccionadas serán proxectadas nunha gala que terá lugar o venres 6 de outubro.
O cartel do OUFF en curto está deseñado por Nuría Grandío; unha imaxe tipográfica que xoga coas letras do festival creando un universo propio no que o mundo do cinema convive coa cidade de Ourense, representada por elementos tan característicos como a Catedral e as termas.
O OUFF está organizado pola Fundación Carlos Velo e co patrocinio principal da Deputación de Ourense. Son copatrocinadores do OUFF a Xunta de Galicia, Abanca, La Región, Gadis e Hijos de Rivera.