-
“Atencióoooon, rodamos en Ourense!!” recibiu máis de 3000 visitantes
-
“Benvido, Mr. Berlanga!” formou parte da homenaxe ao cineasta polo seu centenario e fixo un repaso na presenza do cineasta na cidade
-
Onte anunciouse que Xoves de Comadres, gañadora do OUFF en Curto, está preseleccionada para os Goya
Ourense, 22 de outubro– As dúas exposicións que este ano formaron parte das actividades paralelas da 26 edición do Ourense Film Festival chegan este domingo a súa fin. Tanto “Atencióoooon, rodamos en Ourense!!” como a homenaxe a Luis García Berlanga pechan o seu paso pola cidade cun gran éxito de público entre as ourensás e os ourensáns.
“Atencióoooon, rodamos en Ourense!!” inaugurouse o pasado 16 de setembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel e por alí pasaron 3000 persoas. Esta exposición fixo un repaso polas rodaxes que tiveron lugar en Ourense, capital e provincia, ofrecendo fotografías, textos, publicacións e todo tipo de elementos utilizados nos decorados das películas. Unha boa mostra da importancia que está a coller Ourense como plató de cine e que quedaba aquí reflexado en elementos de películas tan destacadas como La ley de la frontera, Sempre Xonxa, La lengua de las mariposas, A Esmorga, Los girasoles ciegos, 9 ondas, Cuñados ou O que arde, entre outras.
A outra mostra que formou parte da programación do OUFF neste 2021 foi “Benvido, Mr. Berlanga”. O neto do cineasta desprazouse ata Ourense para inaugurar esta exposición que formou parte da homenaxe que o festival adicou a Luis García Berlanga con motivo do centenario do seu nacemento. A mostra estivo instalada na avenida de Pontevedra dende o pasado 26 de setembro e facía un repaso fotográfico do paso de Berlanga no OUFF do ano 2005. Foi o último festival ao que o director acudiu persoalmente, onde recolleu o Premio Memoria Histórica.
Co peche das dúas exposicións, as actividades paralelas da 26 edición do OUFF que buscan achegar o mundo do cinema a toda a cidade chegan a súa fin coa vista xa posta na edición de 2022.
Xoves de Comadres, seleccionada para os Goya
A Academia Española de Cine anunciou onte as curtametraxes preseleccionadas para competir nos premios Goya do próximo ano. Entre as seleccionadas na categoría de ficción está Xoves de Comadres de Noemí Chantada, gañadora do certame OUFF en Curto deste ano e tamén do premio á mellor interpretación feminina para Aurora Maestre.