As OUFF Game Sessions conectan videoxogos e cine na programación do 28º OUFF

A confluencia entre o elemento software e o elemento audiovisual fan dos videoxogos un sector con moitos elementos en común co cinema. Esta foi unha das conclusións extraídas do foro inaugural das OUFF Game Sessións, que se estrearon na programación do 28º OUFF o domingo 1 de outubro. Os premios dirixidos a estudos e profesionais recaíron en YUPPIE PSYCHO (Mellor Videoxogo), SWORD OF THE NECROMANCER (Mellor Arte), POUPAR (Mellor Innovación) e INTRUDER IN ANTIQUONIA (Mellor Narrativa). Unha xornada, a do domingo, que comezaba con máis estreas: a da Xove Orquestra Ourensanía no Teatro Principal de Pontevedra co proxecto OUFF Film Shymphony e coa presentación do proxecto “Lugares de Interese Cinematográfico” por parte das Academias de Cine e Audiovisual da península. Xa na tardiña presentación en primicia do primeiro capítulo da serie Urban. La vida es nuestra, de Mediaset, coa presenza da actriz Asia Ortega. O centenario da directora e actriz Ana Mariscal contemplou o pase da película “El Camino” presentada polo seu fillo, David García.

Todos os videoxogos son audiovisual e todos teñen unha narrativa. Así de claro comezaban as súas intervencións todos os poñentes da foro inaugural das OUFF Game Sessions. Carlos Dorado, creador de videoxogos, Luis Emilio Fernández Santiago. “Fara”, profesor asociado do departamento de Comunicación audiovisual e publicidade da Universidade de Vigo, Olaia Ferrando, investigadora e especialista en Experiencia de Usuario e Pablo Monroy, cofundador de OverPowered Team foron os poñentes deste primeiro foro. Todos reseñaron que é a interactividade a que marca a diferenza entre os videoxogos e o cinema. “A interacción crea novos perfís de traballo relacionados coa programación, pero non hai que esquecer toda a parte creativa e artística dos videoxogos que os vincula coa creación cinematográfica”, sinalaba Monroy. Todos coincidían en que os videoxogos hoxe en día contan cunha dirección de arte e unha serie de escollas, como ángulos de cámara, que fan que haxa perfís profesionais compartidos ou semellantes entre a industria do videoxogo e a do cinema. “Os videoxogos teñen bandas sonoras, guión, tiros de cámara, etc, como unha película”, apuntou Dorado.

No marco da xornada de videoxogos no OUFF anunciáronse os proxectos premiados nos OUFF Game Awards. O Premio á Mellor Arte foi para SWORD OF THE NECROMANCER; o de Mellor Innovación para POUPAR, Premio á Mellor Narrativa para INTRUDER IN ANTIQUONIA -os tres dotados con 400 euros e trofeo cada un- e, finalmente, o Premio ao Mellor Xogo foi para YUPPIE PSYCHO -dotado con 800 euros e trofeo conmemorativo. O xurado formado por Beatriz Legerén (voceira), Doutora en Comunicación Audiovisual e profesora no Departamento de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo, e Antonio Pena, profesor titular profesor titular na E.E. Telecomunicación da Universidade de Vigo, centrado actualmente nas contornas virtuais e Olaia Ferrando, tamén quixeron outorgar unha mención especial a MANITAS KITCHEN proxecto xordido “da primeira incubadora de xénero que a partir dunha gamejam promoveu a creación de equipos para o desenvolvemento de xogos”.

Preséntase a Xove Orquestra Ourensanía

Os mozos e mozas que compoñen a Xove Orquestra Ourensanía viviron o domingo o seu día grande, coa estrea oficial desta nova Orquestra sobre o palco do Teatro Principal. Fixéronno como unha das actividades paralelas do OUFF, polo que o cinema foi parte do espectáculo denominado OUFF Film Symphony. A orquestra, dirixida por José Luis Tielas, está formada por músicos novos de gran talento e para demostralo tocaron varias pezas de bandas sonoras da historia do cinema compostas por Hans Zimmer ou Ennio Morricone, entre outros. O público respondeu con entusiasmo, agotando as butacas do Teatro Principal.

Premio Memoria Histórica: Ana Mariscal
A sección do Ourense Film Festival de efemérides dedica cada ano un espazo pola lembranza de figuras de gran relevancia na historia do cinema. Nesta edición, o Premio Memoria Histórica do Cine Español foi para a primeira directora de posguerra, Ana Mariscal.O Teatro Principal acolleu a tarde do domingo a homenaxe na que o fillo de Ana Mariscal, David García, recolleu o galardón e explicou como foi o proceso de restauración de El Camino (1960), a “obra mestra” da directora e “xoia esquecida da historia do cinema español”, que se proxectou para o público. “A miña nai tivo unha loita permanente entre facer o cine que ela quería e padecer as consecuencias fundamentalmente económicas que lle impedían seguir”, lembrou García en referencia ás dificultades que viviu Mariscal para sacar adiante a produción e distribución dos seus traballos.O OUFF tamén incluiu no programa “Segundo López, aventurero urbano” e “Misa en Compostela” que Mariscal rodou en Santiago no ano 1953.

A aldea de Facós, lugar de interese cinematográfico
Na mañá do domingo 1 de outubro a Academia Galega do Audiovisual, no marco do VII Encontro de Academias de Cine, presentou o proxecto LIC, Lugares de Interese Cinematográfico, para destacar territorios ligados ao cinema na Península. A iniciativa é unha alianza coa Academia de Cine de Andalucía, Academia Aragonesa del Cine, Academia de Cine Asturiano, Acadèmia de Cinema Català, Academia de Cine de Extremadura, Acadèmia Valenciana de l’Audiovisual e a Academia Portuguesa de Cinema. Seguindo coa misión do OUFF, que destaca á industria audiovisual como un factor de dinamización dos territorios, o proxecto LIC procura destacar espazos de distintas rexións con especial relevancia para o cinema, pola súa ligazón coa industria ou os escenarios icónicos. No caso da Academia Galega do Audiovisual, a escolla para este primeiro ano do proxecto é a aldea de Facós (Lobeira), en Ourense, por ser a lugar de rodaxe de O carro é o home (1940). Saamira Ganay, membro da Xunta Directiva da Academia, destacou a particularidade do filme, realizado por Antonio Fernández-Román e Xaquín Lorenzo “Xocas”, o primeiro conservado que podemos categorizar como cinema rural en Galicia.

Pola tarde, antes da súa estrea en exclusiva dous días despois en Prime Vídeo, O OUFF presentou o primeiro capítulo de Urban. La vida es nuestra, con asistencia de Asia Ortega no Teatro Principal, que protagoniza a serie xunto a María Pedraza e Bernardo Flores. Esta ficción, de Mediaset, narra a historia de dúas mulleres novas completamente opostas en aparencia que, unidas polo destino, emprenden unha viaxe a Málaga que é para ambas a fuxida dun presente complicado e infeliz cara a un futuro incerto, todo iso acompañado da música urbana que define a toda unha xeración.