As películas do OUFF acumulan 79 candidaturas aos Goya 2022

  • Nove das películas que pasaron polas últimas edicións do OUFF veñen de ser nominadas aos Goya e optarán a estar na selección final

  • O 29 de novembro coñeceranse os finalistas entre os que poderían estar varios profesionais ourensáns

 

Ourense, 9 de novembro – O pasado venres a Academia de Cine Español deu a coñecer os nominados aos Premios Goya de 2022. Entre eles destacan nove das películas que formaron parte da 25 e da 26 edición do OUFF (Ourense Film Festival). Cuñados, Destello Bravío, El Gran Camino, Mediterráneo, Olvido y León, Tierra de Leche y Miel, Listen, Xoves de Comadres e Spitsbergen, o gardián do Ártico poderán optar a ser finalistas en diversas categorías. 

Entre todas estas películas acumulan un total de 79 candidaturas, repartidas da seguinte forma: 

  • Cuñados: 15.
  • Destello Bravío: 12.
  • El Gran Camino: 6.
  • Mediterráneo: 16.
  • Olvido y León: 14.
  • Tierra de Leche y Miel: 9.
  • Listen: 1.
  • Xoves de Comadres: 1.
  • Spitsbergen, o gardián do Ártico: 5.

Estes filmes, agás Spitsbergen, o gardián do Ártico e Olvido y León que pasaron polo 25 aniversario do OUFF, formaron parte da programación da última edición do certame celebrada entre o 24 de setembro e o 2 de outubro. As candidaturas repártense en case tódalas categorías: director, película, director novel, guión orixinal, música orixinal, canción orixinal, actor, actriz, actor de reparto, actriz de reparto, actriz revelación, actor revelación, dirección de produción, fotografía, montaxe, dirección artística, vestiario, maquillaxe, son, efectos especiais, mellor documental, mellor curtametraxe e mellor filme europeo. 

Ourensáns nos Goya

Os filmes que optarán ao Goya anunciaranse o próximo luns 29 de novembro. Os premios, que celebrarán a súa cerimonia o 12 de febreiro de 2022 na cidade de València para rematar así as celebracións do Ano Berlanga en homenaxe ao centenario do nacemento do cineasta, contan con varias ourensás e ourensáns que poderán estar entre os finalistas.

Entre os que optan a ser finalistas cabe destacar a Alba Prol e Raúl García, directores de El gran Camino; Xavier Bermúdez, director de Olvido y León; Alfonso Blanco “Fosco”, produtor de Cuñados; Toño López, director de Cuñados; Eva Fernández, actriz de Cuñados ou Héctor Domínguez, codirector de Tierra de Leche y Miel. Dende o OUFF desexamos moita sorte a todas as candidatas e candidatos para estar na selección final.