1. FINALIDADE DA CONVOCATORIA

O obxectivo desta convocatoria é regular o procedemento de aceptación e participación de proxectos audiovisuais no XII Certame de Cinema OUFF Escola convocado polas devanditas entidades.

2. PARTICIPANTES

Poderá participar centros educativos públicos e privados de ensino non universitario de Galicia durante o
curso 2020-2021, así como aqueles de fóra de Galicia que teñan materias en lingua galega. A participación
realizarase sempre baixo a titoría dun profesor ou profesora responsábel do proxecto.

3. CATEGORÍAS

Estabelécense dúas categorías:
A) Infantil e primaria
B) Outros niveis de ensino non universitario (agás as escolas oficiais de Imaxe e Son)

4. CARACTERÍSTICAS DAS OBRAS AUDIOVISUAIS

As obras deberán cumprir os seguintes requisitos:
 Todos os traballos estarán en lingua galega.
 Deberán ser orixinais ou adaptacións, non comercializados, e non presentados con anterioridade a este certame.
 Modalidades: ficción, documental, animación.
 Duración: até 20 minutos, créditos incluídos.
 A temática será libre.
 Quedarán excluídos aqueles traballos que inciten ao racismo, xenofobia, homofobia e calquera tipo de violencia, así como os que atenten contra a dignidade da persoa.
 As obras presentaranse en formato dixital.
 Cada traballo non deberá conter máis dunha obra e deberá estar en perfecto estado para a súa proxección.
 Cada obra irá identificada co título, a duración e o centro de ensino de procedencia.
 De apareceren menores de idade, deberán contar coa autorización paterna e/ou materna.
 Calquera apropiación indebida de dereitos de autor –imaxe e son- ou incumprimento das bases desta convocatoria é responsabilidade directa do profesor/a ou titor/a.
 Todo o proceso de creación da película (interpretación,dirección,guión) deberá ser realizado polo alumnado ou membro da comunidade escolar.

5. INSCRICIÓN NO CERTAME

A inscrición formalizarase:
1. Enviando o cuestionario que aparece na sección de OUFF Escola das páxinas web www.educacionourense.com e www.ouff.org antes do 5 de xullo 2021, totalmente cuberto e asinado polo profesor ou profesora responsábel do audiovisual ao enderezo de correo electrónico
ani.cacabelos@ourense.es.
2. Para a recepción dos traballos facilitaráse un link da película e a súa clave de visionado a través de Vimeo ou semellante que se enviará ao correo eléctrónico ani.cacabelos@ourense.es.

6. XURADO

O xurado estará composto por 5 persoas. Tres membros do xurado serán nomeados pola Concellería de Cultura e dous membros serán nomeados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os membros do xurado valorarán os seguintes criterios:
 Calidade da obra
 Orixinalidade do argumento
 Autenticidade e calidade no uso da lingua
 Potenciación de valores democráticos e de tolerancia
 Uso creativo das novas tecnoloxías e das ferramentas de software libre
A DECISIÓN DO XURADO SERÁ INAPELÁBEL

As curtametraxes premiadas serán publicadas nos seguintes enderezos web:
www.ouff.org
www.xunta.es/linguagalega/equipos_de_normalizacion_linguistica
www.educacionourense.com

7. PREMIOS

OUFF Escola concederá os seguintes premios:
Categoría A
1.º Premio: seiscentos euros (600) para o centro educativo.
2.º Premio: catrocentos euros (400) para o centro educativo.
3.º Premio: douscentos euros (200) para o centro educativo.
Premio Blanco Amor ao Mellor Guión: trescentos euros (300) para o centro educativo.
Categoría B
1.º Premio: seiscentos euros (600) para o centro educativo.
2.º Premio: catrocentos euros (400) para o centro educativo.
3.º Premio: douscentos euros (200) para o centro educativo.
Premio Blanco Amor ao Mellor Guión: trescentos euros (300)para o centro educativo.

A entrega de galardóns realizarase no marco do 26º Festival de Cine Internacional de Ourense, no cal se proxectarán os traballos gañadores nas salas cinematográficas vinculadas ao Festival. Todas as obras presentadas recibirán un certificado acreditativo da súa participación. Non se concederán premios ex aequo. De estimar o xurado que os traballos non reúnen a calidade suficiente, os premios poderán ficar desertos.

INFORMACIÓN ADICIONAL

A inscrición no XII Certame de Cinema OUFF Escola implicará a total aceptación destas bases polos participantes. A interpretación destas, así como outros aspectos que poidan xurdir sen estaren contemplados nestas bases, serán competencia exclusiva da organización do Certame.
O Concello de Ourense resérvase o dereito de poder exhibir os audiovisuais inscritos, con fins educativos e culturais, non comerciais e sen ánimo de lucro, en actividades como ciclos, cursos de cine, xornadas de promoción e outros.
Non se devolverán as copias dos traballos presentados.