Bermúdez: “Rodar íntegramente en Ourense foi un desexo feito realidade”

 

  • O cineasta quixo agradecer ao festival e a Deputación o seu apoio para sacar adiante o filme, que ten a súa estrea mundial no Festival de Cine de Ourense

  • Por primeira vez na historia do festival, inaugura o festival unha peza rodada en Ourense: “Olvido y León”

 

Olvido y León” de Xavier Bermúdez terá a súa premiere mundial na inauguración do 25 aniversario do Festival de Cine de Ourense. O director ourensán presentou esta mañá aos medios o filme, agradecendo ao OUFF e a Deputación a súa labor xa que “por medio deles puiden rodar integramente en Ourense, o que é para min é un desexo feito realidade.” O cineasta estivo acompañado na presentación por Aurelio Gómez Villar e Miguel Anxo Fernández, directores técnicos e artísticos do festival, respectivamente, e que tamén lle quixeron agradecer a Xavier Bermúdez o feito histórico de estrear no festival e ademais inauguralo cunha película totalmente ourensá.

 

 

A presentación do filme, protagonizada por Marta Larralde, Guillem Jiménez e Monti Castiñeiras, é o punto final dun proceso que naceu baixo o paraugas do OUFF. “Olvido y León” comezou a rodarse o pasado ano durante a celebración do Festival de Cine e hoxe, durante a gala de inauguración, poderemos ver o resultado final na gran pantalla, na súa estrea mundial. Ribadavia, Laias ou Arnoia foron algúns dos escenarios escollidos para a gravación.

 

Unha continuación moi agardada

“É un pracer e unha honra mostrar por primeira vez a película aquí en Ourense” afirmou Bermúdez, que confirmaba que “os seguintes pasos son unha incógnita. Estamos esperando a ver que pasa xa que moitos festivais están cancelándose pola pandemia. Se temos que esperar a 2021, esperaremos”. O filme é a secuela dun dos grandes éxitos do cinema español, premiado internacionalmente en 11 ocasións e que, sen dúbida, converteu a Xavier Bermúdez nun referente. 

Na continuación de “León y Olvido” (2004) coñecemos a evolución da vida destes dous irmáns e como se desenvolven na actualidade. “Pasaron 16 anos, Marta e Guillem cambiaron pero segue habendo maxia entre eles. Ademais, nestes anos mantiveron unha relación boísima entre eles” confirmaba o director sobre os protagonistas.

Bermúdez e o OUFF

A vinculación de Bermúdez co festival exténdese ata a primeira edición na que colaborou. Un ano despóis, en 1997, estrea “Nena” fóra de concurso, foi membro do xurado da competición internacional no ano 2000 e Premio ao Mellor Director en 2004. Ademais de recibir o Premio de Honra do Festival Internacional de Cinema de Ourense no 2018. 

 Xavier Bermúdez conta cunha ampla traxectoria no sector audiovisual. Como produtor, en 1994 funda, xunto con Manane Rodríguez e Luís M. Fernández, a produtora Xamalú Filmes na Coruña, e como director, con seis longametraxes de ficción e dúas longametraxes documentais para televisión, “Altas Capacidades” (2013) e “O soño de papá” (2018). Como guionista ten colaborado en proxectos como “Migas de Pan”, (2016), de Manane Rodríguez, seleccionada para participar nos nomeamentos aos Premios Óscar e aos Globos de Ouro. En 2004 recibiu nos festivais internacionais de Karlovy Vary e Ourense o Premio ao Mellor Director. En 2004 en Toulouse e en 2014 en Calanda foille entregado o Premio ao Mellor Guión.