Gonzalo Suárez naceu en Oviedo en 1934. Estudou Filosofía e Letras en Madrid e comezou a escribir e a protagonizar diversas obras de teatro como El momento de tu vida de Saroyan, Medea de Eurípides ou La tempestad de Shakespeare. Tamén tivo unha época na que se dedicou á pintura antes de traballar como xornalista baixo o pseudónimo de Martin Girard. Porque a súa faceta de escritor proporcionou títulos imprescindibles como De cuerpo presente (1963), Trece veces trece (1964), Operación Doble Dos (1974), Gorila en Hollywood (1980), El hombre que soñaba demasiado (2005) ou La suela de mis zapatos (2006). Algúns dos seus relatos tamén foron adaptados para o cine.

O seu labor cinematográfico, que vai alternando co da escritura, comeza no ano 1966. Utilizando as personaxes dunha das súas novelas roda Ditirambo vela por nosotros que, un ano máis tarde, transformará na longa Ditirambo. Tras varias rodaxes experimentais, encárgase da adaptación ao cine da novela La Regenta (1974). Adapta a novela do ourensán Blanco Amor A Esmorga na súa película Parranda (1977) que formou parte das proxeccións do OUFF na edición de 2019.

No 84 é a quenda de Epílogo, para a que retoma aos personaxes da súa primeira película. Los Pazos de Ulloa (1985), a adaptación para televisión da obra de Emilia Pardo Bazán dálle moitas alegrías. Xa no ano 1987 estrea Remando al viento, que lle valeu o Premio Goya ao mellor director e o mesmo recoñecemento no Festival de Cine de San Sebastián. Algunhas das súas obras máis destacadas dos últimos anos son Don Juan en los infiernos (1991), La reina anónima (1992), El detective y la muerte (1994), El portero (2000) ou Oviedo Express (2007), entre outras moitas das que dirixiu.

No capítulo dos recoñecementos, pódese dicir que Gonzalo Suárez teno todo. O Premio Nacional de Cinematografía, a Medalla de Ouro ao Mérito de Belas Artes, a Medalla de Prata do Principado de Asturias, Medalla de Ouro dos Premios Forqué e tamén foi nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras da República Francesa. Este ano recibiu o Premio Luis Buñuel no Festival Internacional de Cine de Huesca. Unha longa lista de galardóns aos que agora se suma a Calpurnia de Honra desta nova edición do OUFF.

Proxecións

El sueño de Malinche

Alas de tiniebla