El OUFF entrega este ano o seu máximo galardón o director madrileño Jaime Chávarri. O director de “Las bicicletas son para el verano” regresou o cinema casi dúas décadas despois coa rodaxe en Ourense de “A mazá de ouro”, que clausurará o certame ourensano.

(Madrid, 1943)
Director de cine

Bisnieto do expresidente do Goberno Antonio Maura e licenciado en Dereito, estudou dous cursos na Escola Oficial de Cinematografía e encargouse da crítica de cinema na revista Film Ideal.
A etapa inicial da súa actividade dentro da industria abarcou diversas tarefas: axudante de dirección de Francisco Regueiro en “Me enveneno de azules” (1969), coguionista de “Un, dous, tres… al escondite inglés” (1969, Iván Zulueta), deseñador de decorados de películas de Víctor Erice (“El espíritu de la colmea, 1973”), Carlos Saura (“Ana y los lobos”, 1973) e Jaime de Armiñán (“Un casto varón español”, 1973), realizador de programas televisivos ou director de curtametraxes.
Jaime Chávarri introduciuse na dirección profesional de longametraxes cun dos episodios (o titulado “La danza”) que conformaron a película de terror “Pastel de sangre” (1971, codirigida con Francesc Bellmunt, José María Vallés e Emilio Martínez Lázaro). O seu primeiro traballo en solitario foi “Los viajes escolares” (1974). O tema central desta película, a familia (preocupación recorrente do seu cinema), volveu ser o eixo de “El desencanto” (1975), un insólito docudrama protagonizado polos membros da familia do poeta Leopoldo María Panero que supuxo para o novo cineasta un notable recoñecemento crítico.
Co produtor de “El desencanto”, Elías Querejeta, prolongou a súa colaboración en “A un dios desconocido” (1977), onde se abordaba o tema da homosexualidade, e en “Dedicatoria” (1980). Tres anos despois levou á gran pantalla
a novela de Llorenç Villalonga “Bearn o la sala de las muñecas” (1983), e o ano seguinte, coa adaptación da obra teatral de Fernando Fernán Gómez “Las bicicletas son para el verano” (1984), logrou o seu maior triunfo comercial. En “El río de oro” (1985), unha evocación da infancia e o paso á vida adulta, regresou a un cinema máis persoal e intimista, e con “Las cosas del querer” (1989) e “Las cosas del querer, 2a parte” (1995), conseguiu outro estimable éxito. Na última etapa da súa carreira colaborou no guion de “La noche más larga” (1991, José Luis García Sánchez) e estreou, entre outros títulos, “Tenro verán de luxurias e azoteas” (1993), a comedia de enredo “Gran Slalom” (1996) “Sus ojos se cerraron y el mundo sigue andando” (1997), “Besos para todos” (2000), “El año del diluvio” (2004), baseada na novela homónima de Eduardo Mendoza, e “Camarón” (2005), filme biográfico sobre o cantaor flamenco Camarón da Illa.
Dezasete anos despois volta ao cine rodando en Ourense “A mazá de ouro”, que clausura a 27o edición do OUFF