Cotolay inaugurará o ciclo de cine Xacobeo no Ourense Film Festival

  • O Ciclo Xacobeo traerá ata Ourense as mellores películas relacionadas co Camiño de Santiago en colaboración coa Xunta de Galicia

A 26ª edición do Ourense Film Festival, que terá lugar entre o 24 do setembro e o 2 de outubro, súmase aos actos culturais do Xacobeo 2021 ofrecendo unha selección das mellores películas filmadas sobre esa temática dende mediados do século pasado, tanto polo cinema español como internacional. O filme elixido como referencia neste primeiro ciclo e que terá continuidade na próxima edición, será a produción española Cotolay, dirixida en 1965 por José Antonio Nieves Conde, cineasta vinculado a Ourense por ser os seus pais orixinarios da provincia.

Aínda que a súa rodaxe repartiuse pola totalidade da xeografía galega, a construción do decorado principal, a cargo do histórico decorador Enrique Alarcón, realizouse no exterior do mosteiro cisterciense de Melón, sendo o barrio xudeu de Ribadavia protagonista de varias secuencias.

No verán de 1965, Alarcón reproduciu a gran tamaño a fachada da catedral compostelá nas súas orixes románicas en Melón. Concretamente referenciou a etapa entre os séculos XII e XIII cando o Mestre Mateo traballou no Pórtico da Gloria. O traballo de Alarcon foi considerado ata entón como o decorado de maior altura realizado para unha película española.

A trama recolle a relación do neno Cotolay e uns frades franciscanos que reciben a orde divina de erixir un novo cenobio. O actor infantil francés Didier Haudepin encarna a Cotolay, José Bódalo a Mateo, mentres os frades son Vicente Parra e Conrado San Martín, entre outros.

As películas que se proxectarán son:

  • Cotolay (1965), de Jóse Antonio Nieves Conde.
  • La Vía Láctea (1969), de Luis Buñuel.
  • Tres en el Camino (2004), de Laurence Boulting.
  • Peregrinos (2005), de Coline Serreau.
  • The Way (2010), de Emilio Estévez.
  • The Great Way (2020), de Raúl García y Alba Prol.

Un camiño de película

As películas que se proxectarán durante o Ciclo Xacobeo fan un repaso pola importancia que o Camiño de Santiago tivo e ten ao longo da historia do cinema. Dende a citada Cotolay, unha das primeiras películas rodadas na provincia de Ourense, pasando por Buñuel con La Vía Láctea, ata outras máis actuais como o documental Tres en el Camino, a francesa Peregrinos ou The Way, dirixida por Emilio Estévez e co seu pai Martin Sheen como protagonista.

Tamén haberá espazo para unha película feita dende Ourense: The Great Way. Dirixida polos ourensáns Raúl García e Alba Prol, narra en primeira persoa a viaxe dos dous cineastas e as súas cámaras polas grandes rutas a pé do mundo. O Pacific Crest Trail nos Estados Unidos, o Camiño Inca a Machu Picchu e, como non, o Camiño de Santiago, son algúns dos percorridos que serven de fío condutor ao relato.

O Ciclo Xacobeo terá lugar en dúas fases. Esta primeira levarase a cabo nesta edición e a segunda o vindeiro ano. En ambos casos, trátase dunha escolla entre os filmes xacobeos producidos. En base o acordo do Festival de Cine de Ourense coa Xunta de Galicia tamen se acordou que este ciclo completo se poda pasar en diferentes localidades galegas a través da Federación de Cineclubs de Galicia con cargo o orzamento do OUFF.

O festival, organizado pola Fundación Carlos Velo e a Deputación de Ourense e coa colaboración da Xunta de Galicia, complementará a iniciativa cunha serie de actividades que se darán a coñecer proximamente.