Antonio Román
(Ourense, 1911/Madrid, 1989)
Director de cine

O ourensán Antonio Aurelio do Sacramento Fernández-Román García de Quevedo, coñecido nos medios cinematográficos como Antonio Román (Ourense, 1911/Madrid, 1989) foi un director de cinema español. Pertence a ese grupo de directores renovadores do cinema español de posguerra, xunto con José Luis Sáenz de Heredia e Rafael Gil. Nacido no seo dunha familia acomodada, Román mostra desde a súa mocidade unha
intensa vocación polo cinema, compartida no seu Ourense natal con Carlos Velo. En 1930, trasládase a Madrid para continuar os seus estudos e realiza dúas curtametraxes de espírito vangardista: “Canto de emigración” (1935) e “Ciudad encantada” (1936). Tras a Guerra Civil, emprende a produción dunha serie de documentais, dos que se conservan “Barcelona, ritmo dun día” (1939) e “O home e o carro” (1940). En 1942 colabora no guión de “Raza”, baseado na novela homónima de Jaime de Andrade, pseudónimo de Francisco Franco, o que sitúan a Román no punto máis alto do aparello cinematográfico español.
Aproveitando a súa privilexiada posición, Román afronta entón dous proxectos moi persoais, que se saldan cun notable éxito artístico e un fracaso comercial. “Intriga” (1943) e “Un cadáver no comedor” (1943). Tras o fracaso Román regresa a temas máis do gusto institucional. Faio cun singular filme histórico, “Lola Montes” (1944), e co que será o maior éxito, “Os últimos de Filipinas” (1945). Nos cincuenta, alterna producións de supervivencia ou encargo “A fierecilla domada” (1956), con propostas máis persoais como “Os clarines do medo” (1958). Tras dirixir media ducia máis de películas de xénero. Abandona o oficio de director en 1969.

Reconstrución do filme

O cineasta galego Pepe Coira foi o encargado da reconstrucción do desaparecido filme de Antonio Román “Canto de emigración (Romance en imágenes sobre motivos gallegos)” (1934), unha película curta que foi recibida na súa época coma un dos raros exemplos de cine de vangarda en España. Pepe Coira reconstrue “Canto de emigración” mediante os materiais que quedan da película. Non se trata dunha restauración ou
dunha versión da película, senón dun traballo que permitirá que o espectador imaxine algo que hoxe está perdido. Aínda que non se conserven copias do filme, si se conservan unha serie de elementos que fan posible imaxinar como foi. Un deles é o seu guión, un texto que Antonio Román escribiu para unha revista de cine no que detalla, secuencia a secuencia, e cunha linguaxe poética, o contido da película. Tamén se conservan unha serie de fotografías: imaxes da rodaxe, grazas ás que podemos saber como estaba caracterizado o protagonista, ese home que regresa de América enfermo. Fotos, ata agora descoñecidas, que conserva a familia de Celso Madriñán, o actor protagonista.
Sobre a música da película, neta de Teódulo Páramos, profesora de piano no Conservatorio de Vigo e violinista na Orquesta Clásica de Vigo, conserva a partitura orixinal que seu avó compuxera para a película de Román. Coira fia á perfección todos estes elementos, que confluiron nun evento no OUFF no que se interpretará en directo esa BSO de Teódulo Páramos e, sincronizada con ela, unha proxección que conterá o argumento e imaxes. Isto dará boa conta da idea de como era “Canto de emigración” narrativa e visualmente, usando tanto os fotogramas que se conservan coma planos procedentes doutras películas e que encaixan co que o propio Román fixo no seu día.
A rodaxe de “Canto de emigración” levouse a cabo en 1934 a poucos quilómetros de Ourense, en Coles, Ribela, Malvedo… e na propia capital da provincia. O protagonista da película foi o actor ourensán Celso Madriñán, que practicaba teatro afeccionado e a quen Román elixiu pola súa apariencia física —era delgado e podía facer de home emigrado que volve enfermo— e a súa expresión de tristura natural. O resto dos personaxes foron interpretados por algúns veciños e veciñas de Coles. A película está inspirada nun debuxo de Castelao. Cunha duración aproximada de vinte minutos, a película é moi propia da época, concíbese coma “cine puro”, ao xeito da Romanza sentimental de Eisenstein, unha obra cunha coidada estética visual combinada cunha música composta ad hoc e que cubre a totalidade do filme.


Canto de emigración

ANTONIO ROMÁN • Galicia / 1935 / Documental – Cine mudo

Sinopse

A historia dun campesiño galego que, tras experimentar a vida da aldea, marcha a América a buscar fortuna e regresa pobre e enfermo.

Ficha

Director: Antonio Román. Guión/Guion: A. Román. Música: Teódulo R. Páramos. Fotografía: Antonio Román. Montaxe/Montaje: A. Román. Intérpretes: Celso Madriñán e veciños de Coles. Duración: 20 minutos.


Cámera obscura: Nosferatu

A película muda “Nosferatu” celebra este ano o seu centenario. Foi dirixida en 1922 por F. W. Murnau e supón o primeiro filme relacionado coa historia orixinal de Bram Stoker, Drácula. Nosferatu é considerada unha das mellores películas achega do mito do vampiro e ademais un dos mellores exemplos do expresionismo alemán. O espectáculo Cámera obscura: Nosferatu rende homenaxe á película recreando de forma fidedigna á época a reprodución da película co acompañamento dunha orquestra de cámara, coa música orixinal escrita por Hans Erdmann. A música de Erdmann para a banda sonora revela unha clara influencia de Wagner, con algunha pasaxe que soa sospechosamente á Marcha fúnebre de Sigfrido.

Real Filarmonía de Galicia e Orquesta Sinfónica de Galicia
O proxecto é unha produción do Festival Internacional de Cinema de Las Palmas de Gran Canaria, en colaboración co International Bach Festival. Dirixido e musicalizado por Humberto Armas, interpretado por Ensemble OU Camera Obscura -con integrantes da Real Filarmonía de Galicia e da Orquestra Sinfónica de Galicia- e adaptado e coordinado para o Festival de Cine de Ourense por Noemí Salomón.
A versión presenta arranxos novos da suite de Erdmann e numerosas referencias á música de Mozart, Beethoven, Wagner, Verdi, Debussy, Puccini, Saint-Saëns e Bartok, que serven para salientar o carácter romántico de Nosferatu.

ENTRADAS: https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/cine/auditorio-municipal-de-ourense/14527–festival-de-cine-ouff-camera-obscura-nosferatu.html

Nosferatu, el vampiro

F.W.MURNAU • Alemania / 1922 / Terror (Película Muda)

ENTRADAS: https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/cine/auditorio-municipal-de-ourense/14527–festival-de-cine-ouff-camera-obscura-nosferatu.html

Sinopse

Ano 1838. Na cidade de Wisborg viven felices o mozo Hutter e a súa muller Ellen, ata que o escuro axente inmobiliario Knock decide enviar a Hutter a Transilvania para pechar un negocio co conde Orlok.

Ficha

Director: F.W. Murnau. Guión/Guion: Henrik Galeen. Novela “Drácula”, de Bram Stoker. Música: James Bernard, Hans Erdmann, Carlos U. Garza. Fotografía: Fritz Arno Wagner. Montaxe/Montaje: F.W. Murnau. Intérpretes: Max Schreck, Alexander Granach, Gustav von Wangenheim, Greta Schröeder. Duración: 91 min. Produtores/Productores: Victor Warner, Albin Grau. Produtoras/ Productoras: Prana-Film GmbH, Jofa-Atelier Berlin-Johannisthal.

ENTRADAS: https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/cine/auditorio-municipal-de-ourense/14527–festival-de-cine-ouff-camera-obscura-nosferatu.html