O ilustrador ourensán David Rubín realizará o cartel da 26 edición do Ourense Film Festival (OUFF)

 

  • O prestixioso historietista asume o reto de darlle imaxe á nova edición do festival ourensán

  • A Fundación Carlos Velo segue a traballar para dar a coñecer os primeiros pasos do festival de cine senlleiro de Galicia

 

A organización do Festival de Cine de Ourense (OUFF) está traballando arreo para sacar adiante a 26 edición do evento, que terá lugar entre o 24 de setembro e o 2 de outubro de 2021. Este ano a Fundación Carlos Velo, que colaborou nas tres últimas coa Deputación de Ourense, asumirá máis protagonismo na organización do OUFF mantendo o mesmo equipo. Agora mesmo estase a traballar para, nos vindeiros días, dar a coñecer as bases da competición de Sección Oficial.

A primeira novidade para este 2021 é que xa temos autor para o cartel: David Rubín. O historietista e animador ourensán, un dos máis prestixiosos do panorama estatal e internacional, será o encargado de facer o deseño e de darlle unha imaxe renovada para a 26 edición do OUFF. 

Rubín súmase así a unha longa lista de artistas de Ourense que asinaron o cartel do OUFF. Nos ultimos tempos, o pintor Baldomero Moreiras foi o encargado de deseñar o da edición do pasado ano, a do 25 aniversario; no 2019, Alexandro fixo o cartel da sección “Cine e auga” mentres que no ano anterior, o deseño do cartel recaera no deseñador carballinés Suso Obenza.

Unha carreira de éxitos

David Rubín (Ourense, 1977) formouse na EASD Antonio Faílde e colaborou con diferentes revistas, publicacións e álbums colectivos. Coa súa primeira obra longa El circo del desaliento gañou o Premio Castelao e foi nomeado como autor revelación no Salón Internacional do Cómic de Barcelona. Coas súas seguintes novelas gráficas La tetería del oso malayo e Cuaderno de tormentas, acumula diferentes galardóns. Tamén se dedicou ao mundo audiovisual, colaborando cos estudios de animación Limaía e Dygra Films e, no 2008, codirixiu a longa de animación El espíritu del bosque.

O ilustrador, cofundador do colectivo Polaqia, adaptou diferentes obras clásicos ao cómic ata a publicación dos dous tomos de El héroe que o levan ao máis alto do panorama internacional. Esta obra ábrelle as portas do mercado americano, no que empeza a publicar en diferentes series como Aurora West, La Ficción, Black Hammer ou Sherlock- Frankenstein, entre outras. 

O pasado ano realizouse en Ourense unha exposición antolóxica con máis de 200 obras orixinais do artista na sala de Afundación e que agora terá continuidade noutras sedes de Galicia. Na actualidade, David Rubín está preparando o tomo Cosmic Detective, cos autores Jeff Lemire e Matt Kindt, ademais da súa nova novela gráfica en castelán como autor completo, Fuego, que se espera poida saír no 2022.