A Deputación de Ourense financia o acceso gratuito dos centros educativos ourensáns ao proxecto Fiestra

  • Trátase dunha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual dirixida a docentes para fomentar o uso de curtametraxes galegas na educación en valores

  • O director da Academia, Miguel Mariño, destacou que Fiestra.gal cubre un baleiro que existía en plataformas estatais e autonómicas similares onde era practicamente nula a presenza de pezas audiovisuais en galego

O proxecto Fiestra da Academia Galega do Audiovisual foi presentado esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel polo director da organización Miguel Mariño. Trátase dunha plataforma online para que os docentes galegos poidan acceder a distintas curtametraxes galegas para a educación en valores. Cada peza audiovisual vaia acompañada por unha ficha técnica, materiais de apoio e unha guía de intervención pedagóxica coa que traballar nas aulas.

O patrocinio da Deputación de Ourense nesta iniciativa permite o acceso gratuito á plataforma dos centros ourensanos de educación infantil, primaria e secundaria. Fiestra.gal é unha ferramenta de uso docente na que os centros interesados deberán rexistrarse e pagar unha licencia de 50 euros por 12 meses.

Esta iniciativa forma parte do compromiso que a institución ten coa difusión do audiovisual galego e tamén coa formación das espectadoras e espectadores do futuro. Por iso, aparece Fiestra, que se dirixe a centros educativos galegos de primaria e de secundaria e que ten como obxectivo principal promover a educación en valores do alumnado a través de contidos audiovisuais galegos.

Miguel Mariño quixo destacar que con esta ferramenta a Academia Galega do Audiovisual quere empregar obras audiovisuais para educar en valores ademais de favorecer o traballo creativo e colaborativo ao mesmo tempo que se promociona o talento audiovisual galego entre mozas e mozos, que se converten a súa vez en espectadores críticos.

O xérmolo do proxecto Fiestra xurdiu dos encontros de docentes de audiovisual de Galicia que organizou a Academia Galega do Audiovisual. Moitos mestres apuntaban a necesidade de ter material para traballar con filmes galegos na aulas e púxose en marcha a iniciativa. “Fiestra quere unir educación e audiovisual para iso contamos cun catálogo de obras seleccionado cun dobre criterio, por un lado o cinematográfico, e por otro o criterio pedagóxico, no que traballaron dous equipos diferentes primado o criterio educativo”, suliñou Mariño.

Fiestra.gal, activa desde esta mañá, nace neste primer curso con 10 pezas que se irán ampliando mensualmente. Conta cun buscador que permite filtrar as curtas por categorías como duración, xénero, idade e valores que se queren traballar; atendendo así ás necesidades mostradas polo docentes.