Unha gala con marcado selo ourensán inaugurará o 25 aniversario

  • A actriz Ledicia Sola será a mestra de cerimonias dun acto no que se lle entregará o Premio Ourense a Dani de la Torre

  • A Calpurnia Especial para Adolfo Domínguez será o punto máis emocionante

  • Por primeira vez na historia do OUFF, estrearanse dúas pezas ourensás: “Olvido y León” e a curta “Amanezca”

 

Cada ano, a gala de inauguración marca o punto de saída oficial para o Festival de Cine de Ourense. Tras moitos meses de traballo, chega o momento de lucirse pero este ano hai que facelo a modiño. A pesar das circunstancias actuais e da necesaria redución de aforo, o acto contará con numerosos detalles que o farán inesquecible.

Noite de premios

Ourense será o protagonista absoluto deste evento. Comezando pola presentadora, unha habitual do OUFF, Ledicia Sola. A actriz ourensá, gañadora dun Premio Mestre Mateo, será a encargada de dirixir unha gala atípica e faráo vestida, como non podía ser doutro xeito, de Adolfo Domínguez. O modisto será outro dos grandes protagonistas da noite, xa que para el é a Calpurnia Especial 25 anos. Na primeira edición do Festival de Cine de Ourense, no ano 96, unha película titulada “La moños” foi a primeira en proxectarse na historia do festival. O seu produtor, Adolfo Domínguez. Agora, 25 anos despois, péchase o círculo con este galardón en homenaxe a un deseñador apaixonado polo cinema e que levou o nome de Ourense por todo o mundo. 

O outro premio que se entregará mañá será o galardón para Dani de la Torre. O director monfortino recibirá o Premio Ourense “pola polivalencia e transversalidade da súa traxectoria profesional, ao ter creado curtametraxes, tv movies, longametraxes e serie de ficción, ata estar considerado un dos novos valores xa consolidados no actual panorama audiovisual español.” De la Torre estudou Imaxe e Son en Benposta, polo que tamén está moi vencellado con Ourense.

Estreas mundiais

Na parte de cine, Ourense e os ourensáns tamén serán protagonistas. “Olvido y León” de Xavier Bermúdez terá a súa premiere mundial nesta gala. A película, protagonizada por Marta Larralde, Guillem Jiménez e Monti Castiñeiras, comezou a rodarse o pasado ano durante a celebración do Festival de Cine e este ano poderemos ver o resultado final na gran pantalla. Ribadavia, Laias ou Arnoia foron algúns dos escenarios escollidos para a gravación deste filme que contou co gran apoio da Deputación de Ourense

Tamén se poderá gozar na inauguración dun avance da obra “Amanezca”. Dirixida pola actriz Lucía Álvarez, nacida en San Xoán de Río, é a primeira peza do audiovisual español na que o equipo técnico está plenamente integrado por mulleres. María Botto é a protagonista, meténdose no papel dunha actriz que interpreta un dos papeis máis duros e máis difíciles da súa carreira: Laurencia de Fuenteovejuna. 

Actuación de Óscar

O toque musical da gala de inauguración do 25 OUFF virá da man, ou mellor dito, das mans do gañador dun Oscar Nico Casal. A interpretación do pianista e compositor santiagués será un dos momentos máxicos do acto. Casal está moi relacionado co mundo audiovisual xa que compuxo bandas sonoras entre as que destacan a de “Stutterer”, gañador do premio Oscar a Mellor Curtametraxe en 2016, e a película “La Enfermedad del Domingo”, de Ramón Salazar, nomeada nos Premios Feroz como mellor banda sonora.