Un documental sobre os 25 anos de historia do OUFF inicia as proxeccións desta nova edición

Documental 25 años OUFF
  • Ourense Film Festival: 25 anos de cine está dirixido polo galego Hadrián Rodríguez e producido por Voz Audiovisual
  • A estrea tivo lugar esta mañá no Teatro Principal e forma parte das Sesións Especiais desta 26 edición

Ourense, 25 de setembro – 25 anos, un cuarto de vida, vodas de prata. O OUFF (Ourense Film Festival) celebrou o pasado ano as súas 25 edicións. Un logro que poucos certames poden acadar e que ben merece un repaso histórico. E, como non podía ser doutra forma, veu da man dun documental conmemorativo que se estreou esta mañá no Teatro Principal. En Ourense Film Festival: 25 anos de cine faise unha revisión en profundidade sobre os acontecementos que marcaron a vida deste festival. 

Para o seu director, Hadrián Rodríguez Ourense Film Festival. 25 anos de cine “repasa a historia do festival de cine desde a súa creación, coa achega de material de arquivo, facendo mención das diferentes seccións que compoñen o festival, e todas as actividades paralelas que enchen a súa programación”. Ademais quixo destacar a importancia de “contar cos testemuños de Aurelio Gómez, César Silva, Nora Sola, Miguel Anxo Fernández e Eduardo Galán, persoas que manteñen unha especial relación co OUFF”.

O documental, cunha duración de 20 minutos e producido por Voz Audiovisual, foi, simbólicamente, a primeira proxección do festival, trala gala de inauguración. O film fai un repaso pola historia de 25 anos do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) desde a súa creación en 1996. Tamén se fai unha análise do que supón para a cidade contar cun evento destas características, da participación da cidadanía co festival e do seu futuro.