O documental “Spitsbergen, o Gardián do Ártico” estrearase no 25 OUFF

Spitsbergen, o Gardián do Ártico
  • É a primeira longametraxe gravada e rematada en Super 8 con copias en 16 e 35 mm.

“Spitsbergen, o Gardián do Ártico” do cineasta Ignacio Benedeti terá a súa estrea mundial no 25 Festival de Cine de Ourense. É a primeira longametraxe gravada e acabada en Super 8 con copias de exhibición de 16 e de 35 mm. É o primeiro dunha serie de documentais da serie “Stop quecemento global” que pretenden sensibilizar sobre as consecuencias do cambio climático e que están a rodarse en diferentes puntos sensibles do planeta.

Ignacio Benedeti, que ademais de autor do guion e productor, dirixe “Spitsbergen, o Gardián do Ártico”, amosou a súa satisfacción por participar no Ourense Film Festival UFF con este documental, filmado íntegramente en Super 8, o que supón un desafío ao “dar máis traballo, pois compre cambiar as cargas cada 2 minutos e medio, xunto ao feito de estar un só coa cámara a -20 graos no Ártico, ademais de que todo o proceso é manual e non se ven os resultados no momento como ocorre con dixital, pois compre agardar ao revelado posterior, e iso ten tamén o seu aquel de amoción”, afirma o director.

Un proxecto comprometido

Cartel de Spitsbergen

O proxecto xurdiu despois do convite da multinacional Kodak ao propio Benedeti para que fose un dos primeiros en probar as súas novas películas Ektachrome, antes de saír ao mercado, e ver os resultados de preprodución nunha situación de rodaxe real. O cineasta viaxou ata Spitsbergen para rodar esta proba técnica e, tras valorar a situación e comprobar que se cumprían as expectativas, decidiu seguir gravando para darlle forma como longametraxe documental. “Estivera alí en 1995 e a neve chegábame por riba da cabeza, despois, no 2007 xa me daba pola cintura e no 2018 había, como moito, 20 centímetros” comenta o cineasta sobre o deterioro mediombiental que está a producirse na zona.

Foi así como xurdeu “Spitsbergen, o Gardián do Ártico”, un documental que pretende ser tamén, máis alá do desafío técnico, unha chamada de atención sobre as nefastas consecuencias do cambio climático e o quecemento global. Para facelo máis ameno, mestúranse diferentes aventuras que o director viviu a bordo do buque rompexeos Malmö, como o seguimento dunha osa coas súas crías ou a recuperación dunha cámara sumerxida accidentalmente a 140 metros de profundidad, ao tempo que se plasma a ameaza real causada pola actividade humana descontrolada, que leva a derreter o Ártico. O director tamén engade que o proxecto “non sería igual sen a voz do inimitable Santiago Fernández, nin a banda sonora do mestre Sergio Moure de Oteyza. Ambos profesionais que souberon captar a natureza do proxecto”.

Un altofalante para o mundo

Coa textura única que aporta o Super 8 -un soporte pioneiro e de gran valor artístico-, poderemos ver un documental que “busca protexer Spitsbergen e ao tempo protexer ao Ártico, por ser vital para o futuro do planeta”. O director quere chegar con esta mensaxe a xente, sobre todo a xa non tan nova e escasamente concienciada con esta problemática. Para conseguilo, “tanto a propia textura da imaxe, coma a estética do cartel e a narración, quere ser unha homenaxe aos documentais de Walt Disney dos anos 50 e 60, e aos de Jacques Cousteau dos 70”.

Os próximos documentais desta serie “Stop quecemento global” rodaranse ata o ano 2030, o prazo que a ONU calcula para tomar medidas radicais coas que poñer fin a esta situación e deter o incremento da temperatura global. “Algunhas cousas das que filmei en 2018, dentro de pouco pode que xa non existan se non facemos algo” comenta Ignacio Benedeti.

A proxección de “Spitsbergen, o Gardián do Ártico” únese as xa confirmadas da nova versión remasterizada de “A metade da vida” de Raúl Veiga e a estrea de “Olvido y León” de Xavier Bermúdez. Próximamente coñeceremos máis novidades sobre o 25 aniversario do OUFF que se celebrará do 25 de setembro ao 3 de outubro. 

 

Biografía de Ignacio Benedeti

Funda IB Cinema (Ignacio  Benedeti Cinema) en 1990, primeiramente orientada ao terreo da exhibición cinematográfica itinerante, pero que despois se adentra nos terreos da distribución, a restauración cinematográfica e a exhibición. Como distribuidor é responsable das coleccións Galicia de Cinema e Gallaecia Cinema que, con centos de miles de  DVDs, foi a maior iniciativa de distribución de cinema galego xamais acometida en Galicia, conxuntamente con La Voz de Galicia.

Restaurou os negativos cinematográficos da  filmografía de Leni Riefensthal, na edición de  Cameo, traballo que foi cualificado como a mellor restauración mundial.

No terreo da produción, a súa produtora cultivou mais de 300 premios internacionais incluíndo o Joris Ivens doIDFA de Amsterdam, o Hot Docs de Toronto, con “A casa da miña avoa”, o Pilar Miró da SEMINCI con “Estigmas”, ademais de dous nomeamentos da Academia Europea do Cinema Europeo con “Minotauromaquia: Pablo no labirinto”.

A partir de 2010 inicia unha carreira como director de curtametraxes (de ficción e documentais) e, mesmo,  videoclips, co feito diferencial que só roda con película. “Spitsbergen, o Gardián do Ártico” é a súa primeira incursión como director, guionista e  camarógrafo no terreo das longametraxes cinematográficas.