“El Plan” de Polo Menárguez recibe o Premio Eduardo Barreiros

Premio Barreiros a El Plan de Polo Menárguez
  • Polo Menárguez recolleu o galardón esta tardiña no Teatro Principal

  • “Este premio é gasolina e alimento para seguir contando historias” afirmou o director

  • “El plan” está protagonizada por Antonio de la Torre, Raúl Arévalo e Chema del Barco

 

O director Polo Menárguez recibiu esta tarde no Teatro Principal o Premio Eduardo Barreiros pola súa película “El Plan”. A gala estivo presentada pola xornalista Raquel Domínguez. Ao acto asistiron Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, e Juan Cid, en representación da Fundación Eduardo Barreiros,e, trala entrega do galardón, puido verse a película.

Polo Menárguez mostrou a súa satisfacción por este galardón xa que “é o primeiro premio que recibe a película, o que me fai sentir moi emocionado e agradecido”. Ademais afirma que “chega nun momento no que os creadores necesitamos moitos ánimos para enfrentarnos a un futuro que parece moi incerto. Por iso, este premio é gasolina e alimento para seguir contando historias.”

O Premio Eduardo Barreiros entregouse por vez primeira o pasado ano, coincidindo co centenario do nacemento do emprendedor ourensán. Trátase dunha homenaxe ao que foi o maior empresario privado do sector automobilístico español da súa época. O galardón recae na que se considera mellor primeira ou segunda película dun director ou directora do cinema español, estreada entre setembro do pasado ano e setembro de 2020. No 2019 recaeu en “Viaje al cuarto de una madre” da directora Celia Rico, quen recolleu o premio acompañada da protagonista do filme Lola Dueñas.

Polo Menárguez é director de cinema de ficción e documental, licenciado en Comunicación Audiovisual na Universidade Carlos III de Madrid. “El plan” é a historia de tres perdedores, Paco, Ramón e Andrade, tres amigos que levan en paro dende que pechou a empresa de seguridade na que traballaban. Quedaron para executar un plan pero vense envoltos nunha serie de incómodas discusións que irán derrubando os seus muros e arrincarán as súas máscaras cambiando para sempre a súa amizade. Antonio de la Torre, Raúl Arévalo e Chema del Barco interpretan ao trío protagonista. Para o director, contar con actores deste nivel “foi un soño feito realidade, xa que eu a primeira vez que pensei na película pensei neles e cando dixeron que si, non podía crelo. Con eles aprendín moito e ademais converteron a película no que hoxe é”.

Menárguez estreouse en 2018 como director e guionista coa curta “A culona”, e un ano despois gravou en Tulsa (Oklahoma) o documental experimental “Eric Likes Chicken”, seleccionado en Documenta Madrid. En 2013 dirixe “Dous amigos”, unha película experimental a medio camiño entre a ficción e o documental, que competiu na sección Resistencias do Festival de Sevilla. “Inverno en Europa”, a súa primeira longametraxe documental, recibiu unha mención especial do xurado da sección DOC.España na 62 Seminci. En 2019 “El plan” participou na competición da Sección Oficial da 64 SEMINCI.