Enrique Cerezo recibe o Premio OUFF Historia do Cine Español

  • Enrique Cerezo: “Es una gran alegría recibir este premio. Quiero agradecer a la ciudad de Ourense que se hayan acordado de mí para recibir este premio a toda una trayectoria”

  • O produtor recibiu esta tarde o Premio OUFF Memoria do Cine Español nunha gala celebrada no Teatro Principal

Ourense, 30 de setembro– Referente do sector audiovisual, o Ourense Film Festival (OUFF) quere premiar na súa 26 edición ao produtor Enrique Cerezo co Premio OUFF Historia do Cine español. Á súa traxectoria como produtor vinculado a títulos como El Perro del Hortelano, Las brujas de Zugarramurdi, Las trece rosas e Juana la Loca e a cineastas como Imanol Uribe, Álex de la Iglesia, Pilar Miró ou José Luis Cuerda, vinculados tamén ao Festival de cine de Ourense, únese a súa labor como recuperador e distribuidor de filmes. Nos seus fondos atópanse pezas emblemáticas do cinema español e galego, como é o caso de Cotolay.

O produtor recibiu o galardón nunha gala presentada por Iria Sobrado e celebrada esta tarde no Teatro Principal de Ourense, na que tamén se proxectou, xustamente, Cotolay. Enrique Cerezo, que recibiu o galardón de mans do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar comentou que “es una gran alegría recibir este premio. Quiero agradecer a la ciudad de Ourense que se hayan acordado de mí para recibir este premio. Me parece fantástico y maravilloso recibir este premio a toda una trayectoria aunque creo que todavía me queda mucho”. Tamén destacou o papel dos festivales de cine xa que “significan mucho. Se dan a conocer muchas cosas de películas y actores que la gente no sabría de otra forma. Los considero imprescindibles hoy en día”. 

Enrique Cerezo: produtor e distribuidor

Enrique Cerezo (Madrid, 1948) estivo vencellado ao cine desde moi novo. A súa primeira incursión profesional foi como axudante de cámara en Un millón en la basura (1967) de José María Forqué, á que seguirían roles técnicos en ¿Qué hacemos con los hijos? e en Vente a Alemania, Pepe. No ano 74 dirixiu a súa primeira curta La sonrisa del sol: Almería.

Foi a principios dos 90 cando crea a súa propia produtora Enrique Cerezo P.C. O seu labor de produtor inclúe títulos como El Perro del Hortelano, Las brujas de Zugarramurdi, Las trece rosas, Juana la Loca, El oro de Moscú, Siete mesas de billar francés ou 1898: Los últimos de Filipinas. Colaborou durante estes anos con recoñecidos directores como Imanol Uribe, Emilio Martínez Lázaro, Álex de la Iglesia, Darío Argento, Pilar Miró ou José Luis Cuerda.

Pero ademais de produtor, Enrique Cerezo destaca no seu labor como recuperador e distribuidor de cine, con máis de 7000 títulos, dos cales un 80% proceden do cine español. No seu catálogo pódense atopar filmes de Buñuel, Amenábar, Alex de la Iglesia, Fernando Trueba, Julio Medem ou Berlanga e películas imprescindibles da nosa historia como Viridiana, Los Otros, Bienvenido Mr. Marshall,Tesis, Ay Carmela, Belle Époque ou El espíritu de la colmena.