A exposición fotográfica da rodaxe de “Elisa y Marcela” chega a Ourense

Exposición "Elisa y Marcela" de Zoe Sala Coixet
    • As 24 fotografías de Zoe Sala Coixet, filla da directora Isabel Coixet, ofrecen unha mirada poética e evocadora do proceso de rodaxe

    • “Elisa y Marcela”, rodada en parte en Galicia, proxectarase no Teatro Principal dentro do ciclo Sesións Especiais

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle desde o luns 23 de setembro a mostra de 24 fotografías de Zoe Sala Coixet que, desde unha perspectiva poética e evocativa, amosan o proceso de rodaxe da película “Elisa y Marcela”. As imaxes, realizadas en branco e negro, reproducen algúns dos momentos máis íntimos da longametraxe dirixida por Isabel Coixet, nai da fotógrafa, e protagonizado polas actrices Natalia de Molina e Greta Fernández. 

Esta é a primeira exposición en solitario da fotógrafa catalá, organizada pola Fundación Academia de Cinema en colaboración con Netflix. Agora chega a Ourense da man do Ourense Film Festival (OUFF) e poderá visitarse con entrada gratuíta ata o 13 de outubro.

Elisa y Marcela: rodaxe en Galicia

As 24 fotografías que compoñen a exposición foron tomadas durante as 4 semanas dunha rodaxe que se desenvolveu principalmente na provincia de Ourense. Celanova e o mosteiro de San Salvador, Pazos de Arenteiro e Moldes, en Boborás, son algúns dos lugares nos que transcorre “Elisa y Marcela”. A mostra é un relato fotográfico onde a expresividade interpretativa das actrices protagonistas e do resto do elenco, así como os escenarios máis evocadores da historia de amor entre estas dúas mulleres, son protagonistas. 

Como complemento á mostra, o OUFF proxectará “Elisa e Marcela” o xoves 3 de outubro no Teatro Principal, dentro do ciclo  Sesións Especiais. 

A exposición enmárcase dentro das actividades paralelas que forman parte da programación da 24ª edición do Ourense Film Festival, que se celebra do 27 de setembro ao 5 de outubro, convertendo á cidade de Ourense na capital do cinema en Galicia.

Galería de fotos da inauguración da mostra