“Sempre Xonxa”, “Elisa e Marcela” e “Memoria Erótica”, as exposiciones do OUFF

Exposición "Elisa y Marcela" de Zoe Sala Coixet
  • A exposición sobre Sempre Xonxa inaugúrase o martes 17 de setembro

  • O Centro Cultural Marcos Valcárcel e a Galería Visol serán os espazos que acollan as tres mostras

Este ano serán tres as exposicións que se celebren co gallo da 24 edición do Ourense Film Festival (OUFF). Trátase de tres mostras artísticas relacionadas co mundo do cine e que forman parte das actividades paralelas que o OUFF leva a cabo na cidade. “Filmado en Ourense. Chano Piñeiro. 1989-2019”, “O intimismo da rodaxe de Elisa e Marcela” de Zoe Sala Coixet e “Memoria erótica” de Xurxo Oro Claro son os títulos das tres exposicións que se poderán visitar na cidade nas próximas semanas.

Filmado en Ourense. Chano Piñeiro. 1989-2019

Este ano celébranse os 30 anos de “Sempre Xonxa” e, polo tanto, as tres décadas da primeira longametraxe de ficción galega e en galego. Chano Piñeiro decidiu rodala na provincia de Ourense, centrándose na aldea de Santa Olaia en Valdeorras, (Trasdomonte no filme). Para celebrar o aniversario da película e a figura de Chano chega ao Centro Cultural Marcos Valcárcel “Filmado en Ourense. Chano Piñeiro. 1989-2019”, comisariada por Marta Villar e que reivindica Ourense nas orixes do cine galego e a provincia como escenario natural. 

Xunto a obxectos persoais do director, cedidos pola súa viúva Mariluz Montes, haberá elementos destacados da película. Trátase dunha exposición sen precedentes que cimenta unha das liñas programáticas do festival: o seu compromiso co audiovisual galego. A exposición complementase coa proxección en bucle da película. A inauguración será o vindeiro 17 de setembro ás 18 horas. 

O intimismo da rodaxe de Elisa e Marcela. Zoe Sala Coixet

A mostra componse de 24 fotografías tomadas por Zoe Sala Coixet na rodaxe de “Elisa y Marcela” que reproducen algúns dos momentos máis íntimos protagonizados polas dúas actrices protagonistas da película: Natalia de Molina e Greta Fernández. O traballo constitúe a primeira mostra en solitario da fotógrafa catalá, filla da directora Isabel Coixet, e poderá ser visitada no Centro Cultural Marcos Valcárcel entre o 23 de setembro e o 13 de outubro. 

Na exposición poderá verse o resultado do traballo fotográfico realizado por Zoe Sala Coixet ao longo das semanas que durou a rodaxe da película co mesmo título, tanto dentro como fóra de Galicia. É un meta-relato no que a Coixet fotógrafa aproveita as diferentes atmosferas da rodaxe para confeccionar, en branco e negro, o seu propio relato fotográfico utilizando para elo a expresividade interpretativa das actrices e actores da película.

“Memoria erótica”. Debuxos de Xurxo Oro Claro

A Fundación Carlos Velo recuperou a colección de relatos inéditos de Carlos Velo que forman a publicación “Memoria erótica”. O artista Xurxo Oro Claro asumiu a responsabilidade de crear as ilustracións que forman parte da publicación. As obras de Oro Claro amósanse agora, por vez primeira, nunha exposición organizada pola Fundación en colaboración co OUFF. A Galería Visol acollerá esta mostra inédita do 26 de setembro ao 5 de outubro.