Os premios á Sección Oficial e a Sergio Moure pechan a edición 26 do Ourense Film Festival

  • Isabel Blanco e Simone Saibene foron os encargados de presentar unha gala de clausura na que houbo moitas sorpresas

  • Nove galardóns entregáronse durante a noite: os correspondentes á Sección Oficial de longametraxes e o Premio Especial OUFF ao compositor Sergio Moure

  • A noite rematou coa estrea de Live is life, de Dani de la Torre

Ourense, 1 de outubro – O Ourense Film Festival (OUFF) despediu este venres a súa edición número 26 como só os mellores cineastas saben facelo, con elegancia e grandes doses de emoción. A gala de clausura, que de novo tivo lugar no Auditorio Municipal, foi unha celebración da sétima arte e un recoñecemento ao esforzo por sacar adiante películas que son pequenas obras de arte, pero tamén da música e da maxia que converteron a Ourense, un ano máis, nunha cidade de cinema.

A noite comezou na explanada de San Francisco, onde a Real Banda de Gaitas recibiu coa súa música aos invitados que acudían ao Auditorio. Entre as composicións que se puideron escoitar na alfombra azul soou o himno oficial do festival.

Dentro, foi o conxunto galego Rodrigo Romaní Trío o que puxo a banda sonora a unha gala dirixida por Ángel de la Cruz e que presentaron Isabel Blanco e Simone Saibene, que mesmo se atreveron cun número musical para sorpresa do público no patio de butacas. Pouco despois, chegou o momento da emoción: os galardóns.

Noite de premios

A gala de clausura foi tamén a noite de celebración da Sección Oficial do certame. Entregáronse o Premio ao Mellor Guión para Aaron Brookner, Ana Rocha de Sousa, Paula Vaccaro pola película Listen, o Premio á Mellor Interpretación para Sofia Kappel por Pleasure, o Premio Carlos Velo ao Mellor Dirección para Ferit Karahan por Mi mejor amigo, o Premio Especial do Xurado para Pepe Valle por Uzi e, por suposto, a Calpurnia á Mellor Película para o filme belga Playground.

Ademais, a Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales entregou o Premio CIMA á Mellor Cineasta para Laura Walden, a directora de Playground; e Malencolía e Eles transportan a morte recibiron o Premio Xacobeo á mellor produción galega.

Por último, entregouse o Premio do Público a Mediterráneo, a película da Sección Oficial que mellor puntuación media obtivo (4.64 sobre 5) por parte dos espectadores que asistiron ás proxeccións.

Entre os galardóns da noite, tamén houbo oco para unha homenaxe. O compositor coruñés Sergio Moure subiu ao escenario para recoller o Premio Especial OUFF que recoñece a súa gran contribución ao cinema e a televisión con decenas de magníficas bandas sonoras.

Unha gala sobria, protocolaria e solemne á que chegaba, nos seus últimos compases, o discurso de clausura do director do Festival, Miguel Anxo Fernández, que citou a moitos dos protagonistas que ao longo desta edición pasaron por Ourense e que son “todas e todos, amigos do festival e coa súa presenza contribuíron a colocar a Ourense a ao OUFF na marea mediática destes días, colapsada polo tremendo drama que padecen os veciños de La Palma, a quen desde aquí enviamos a nosa solidariedade”.

O director do Festival fixo referencia á cita do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que destacou a calidade humana e profesional dos galardoados e, sobre todo, todas as súas mostras de cariño cara Ourense, poñendo en valor, ademais, que o OUFF é “un festival que se consolida como unha fiestra cara o exterior do audiovisual galego ”

Miguel Anxo Fernández daba para finalizada a súa intervención cunhas pinceladas sobre a próxima edición “xa estamos a traballar para 2022, pero na estratexia futura do OUFF está a de poñer en valor o seu patrimonio dos agora 26 anos de historia. Iso sitúanos moi por encima no panorama galego de festivais. Vai como exemplo que o ano próximo serán os centenarios da actriz galega María Casares e do director Juan Antonio Bardem, ambos xa foron protagonistas a título póstumo e a cada un deles se lles dedicou un volume”.

A vida segundo Dani da Torre

O broche de ouro á gala de clausura do OUFF chegou da man do monfortino Dani de la Torre e a súa película Live is life. Tanto o director como os rapaces que protagonizan o filme subiron ao escenario para presentar este traballo, que se rodou en parte en Ourense, na contorna da Ribeira Sacra.

Isto non terminou

Aínda que a clausura oficial do OUFF fose este venres, o pano non baixa do todo ata o domingo. Mañá, serán os traballos galardoados nas seccións OUFF En Curto e Fas Muvis os que recollan os seus premios, nunha gala que acollerá o Teatro Principal a partir das 19:30 horas. 

E o domingo, tamén no Principal, os espectadores terán unha nova oportunidade para ver algunha das longametraxes premiadas na Sección Oficial:

  • Ás 17:00 proxectarase a galardoada co Premio ao Mellor Guión, Listen
  • Ás 19:30 será a quenda da Calpurnia de Honra, Playground
  • Ás 22:00 horas, poderá verse a favorita do público, Mediterráneo.

Así, con cinema en pantalla grande, é como o OUFF se despedirá ata o ano que vén.