A 26 edición do OUFF abre cunha gala que pon en valor a Ourense como espazo de encontro para o audiovisual

  • Lucía Álvarez conduciu a gala inaugural, que supón o inicio oficial da 26 edición do Festival de Cine de Ourense.
  • Catro foron os premios outorgados: a Calpurnia de Honra Internacional a Leonor Silveira, o Premio da Fundación AISGE a Luma Gómez, o Premio OUFF Ourense a Alfonso Blanco e o primeiro Premio OUFF Chano Piñeiro que recibiu Beli Martínez.
  • A estrea da longametraxe Malencolía puxo o punto final a unha cerimonia que contou coa actuación musical de Cómplices.
  • Comeza así unha semana de proxeccións, talleres e actividades paralelas.

 

Ourense, 24 de setembro – O telón da 26 edición do Ourense Film Festival (OUFF) levántouse esta noite no Auditorio Municipal da cidade. Dende as 8 da tarde comezou o desfile de público e de persoeiros pola alfombra azul do festival. A gala, que foi dirixida un ano máis por Ángel de la Cruz, estivo marcada por unha sentida homenaxe ás figuras do cinema que nos teñen acompañado nos últimos anos. Nomes como Fernando Fernán Gómez e Luis García Berlanga, que estarán presentes nesta edición por mor do centenario do seu nacemento, soaron no Auditorio, xunto cun adianto do que se verá en Ourense nos vindeiros días: cine.

Nese sentido, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asegurou que a 26ª edición do OUFF “significa a aposta máis importante do terreo cultural dunha provincia especialmente culta e vencellada á identidade, con capacidade de mirar ao futuro e á vangarda desde a esencia da súa historia”.

“Ourense é o berce do cinema en Galicia”, afirmou o presidente da Deputación de Ourense, quen sinalou que “as alianzas coa Academia Galega do Audiovisual e fornecer esta iniciativa con convenios co cinema francés, ou a francofonía, mesmo a lusofonía, a internacionalidade destas edicións, dez premieres que se van a ver en Ourense nestas datas, demostran a gran capacidade organizativa da Deputación de Ourense e da Fundación Carlos Velo –única en Galicia do mundo audiovisual”.

Cotolay, A lingua das Bolboretas, A Esmorga, Sempre Xonxa subiron tamén as táboas do escenario porque se algo caracteriza estes 26 anos de Festival de cine é o recoñecemento e posta en valor de Ourense como plató universal de cinema, punto de encontro do audiovisual galego e porta de saída cara novos escenarios nacionais e internacionais. Así o destacou Miguel Anxo Fernández, director do Festival de cine de Ourense, que sinalou como un dos piares do certame a “senda da internacionalización coa mirada posta en Portugal e México, que sumamos a Francia”.

A actriz e directora ourensá, Lucía Álvarez, que na pasada edición presentou a gala de clausura, púxose aos mandos deste evento no que a emoción dos premiados fixo de fío condutor. E é que ata catro foron os premios entregados no acto.

A actriz lusa Leonor Silveira recolleu a Calpurnia de Honra Internacional de mans do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. Luma Gómez, Premio da Fundación AISGE a toda unha traxectoria, recibiu o seu galardón de Isabel Blanco, delegada de AISGE en Galicia e o produtor Alfonso Blanco “Fosco” agradeceu o seu Premio OUFF Ourense. A entrega completouse co primer Premio OUFF Chano Piñeiro que recaeu en Beli Martínez. Luz Montes e Carmen Leyte foron as encargadas de facerlle a entrega.

Música e cine

O toque musical do acto veu da man do dúo Cómplices, que interpretaron a piano e voz varias cancións do seu repertorio. Foi o caso de “Un lugar en el mundo”, “Rosa gnóstica”, “Hombre lobo” e “Poeta Universal”. Momento especial da cerimonia no que cine, música e literatura, presentes todos nesta edición, se uniron foi a lectura dun dos poemas de Rosalía de Castro por parte de Lucía Álvarez con Teo Cardalda ao piano.

A estrea da longametraxe Malencolía puxo o punto final á unha gala que serviu de repaso aos rodaxes que pasaron por Ourense, como é o caso da propia Malencolía. O seu director Alfonso Zarauza e parte do equipo da película subiron ao escenario antes da proxección para presentala diante do público presente no Auditorio e cerrar o círculo que comezou coas gravacións en Boborás, O Irixo e O Carballiño.

Ourense volcouse un ano máis cun OUFF que, na súa 26 edición, quere achegarse cada vez máis a un público fiel e comprometido. Foron moitas as caras coñecidas, representantes do mundo audiovisual galego e tamén os rostros anónimos que quixeron participar na gala inaugural tanto no patio de butacas como no photocall que este ano se colocou no exterior do Auditorio para que os verdadeiros protagonistas do festival, os espectadores, pudieran gozar da alfombra azul. O cine, en definitiva, patrimonio de todos.

Arrancan as proxeccións

Dende mañá, sábado, ata o vindeiro venres, 2 de outubro, a cidade de Ourense será de novo epicentro dunha semana de cine, talleres coma o de Carlos Velo, o CEMAC e o estudo CIMA sobre a representación e a representatividade das mulleres no audiovisual galego coordinado por Mariana Carballal, actividades paralelas, exposicións, rutas, literatura, sesións especiais e cine, moito cine. Historias que se estrearán en Ourense (16 estreas, 10 delas a nivel mundial), longametraxes que se poderán ver por primeira vez na cidade e que que veñen de ser premiados en festivais como Venecia, a Berlinale e Cannes, comedias, thrillers, documentais… Un total 71 obras audiovisuais, 33 pezas galegas e títulos de primer nivel dentro da filosofía do OUFF que traballa para ser “unha festa transversal arredor da cultura audiovisual”.

Haberá cine e máis premios fóra da sección oficial de longametraxes e curtos. O músico Sergio Moure recibirá o Premio OUFF Especial desta edición, a Calpurnia de Honra, o galardón máis importante do festival, irá a mans do director Gonzalo Suárez (Teatro Principal, o vindeiro luns 27). O martes, adirectora  Ainhoa Rodríguez será premiada co Premio Eduardo Barreiros que recoñece á mellor ópera prima do cine español e o mércores será o momento para Jose Coronado, que recibe o Premio OUFF Televisión. Enrique Cerezo recibirá o Premio OUFF Memoria do Cine Español e o presidente do xurado de Sección Oficial Iván Trujillo, o Veliano de Honra que outorga a Fundación Carlos Velo.