O director e guionista Gonzalo Suárez, Calpurnia de Honra 2021

  • O cineasta é unha das figuras máis célebres do audiovisual español

  • Adaptou ao cine A esmorga do escritor ourensán Eduardo Blanco Amor en 1977 e tamén aos escritores galegos Valle-Inclán e Emilia Pardo Bazán

  • La Regenta, Remando al viento ou El portero son algunhas das súas obras máis recoñecidas

O director, guionista e escritor Gonzalo Suárez recibirá a Calpurnia de Honra da 26 edición do Ourense Film Festival (OUFF). Este galardón é o máis prestixioso do festival ourensán e busca recoñecer a figuras destacadas do cinema polas súas aportacións vitais e carreiras no panorama audiovisual. O galardón foille comunicado en nome do OUFF polo presidente da Deputación, tamén na súa condición de presidente da Fundación Eduardo Blanco Amor, salientando “a honra que representa para Ourense, que un dos grandes cineastas españoles das últimas décadas, fora o primeiro en adaptar para o cine español a un escritor ourensán da talla de Eduardo Blanco Amor e a súa carismática novela A esmorga”, ao tempo “agradecéndolle o seu interese e agarimo polas nosas letras ao ter adaptado ao cine, textos de autores universais galegos como a condesa de Pardo Bazán e Valle-Inclán”. 

O guionista e director asturiano aportou ao cine español os filmes Beatriz (1975), sobre relatos de Valle-Inclán, con Carmen Sevilla, Nadiuska, Sandra Mozarowsky e Jorge Rivero; Parranda (1977), sobre a novela de Eduardo Blanco Amor, con Antonio Ferrandis, José Luis Gómez, José Sacristán e Fernando Fernán Gómez; e finalmente a película para televisión Los pazos de Ulloa (1985), con Omero A, Victoria Abril, Charo López e Fernando Rey, entre outros.

A Calpurnia de Honra seralle entregada a Gonzalo Suárez nunha gala a celebrar no Teatro Principal de Ourense, o luns 27 de setembro. O cineasta asturiano súmase a unha longa nómina de directores do cine español recoñecidos polo Ourense Film Festival dende a súa creación en 1995, con Eloy Lozano como o seu primeiro responsable. Entre outros, Luis García Berlanga, Juan Antonio Bardem, Montxo Armendáriz, Pilar Miró, Xavier Bermúdez, Enrique Urbizu, José Luis Cuerda, Pedro Olea ou Antonio Roman.

Unha carreira chea de recoñecementos

Gonzalo Suárez naceu en Oviedo en 1934. Estudou Filosofía e Letras en Madrid e comezou a escribir e a protagonizar diversas obras de teatro como El momento de tu vida de Saroyan, Medea de Eurípides ou La tempestad de Shakespeare. Tamén tivo unha época na que se dedicou á pintura antes de traballar como xornalista baixo o pseudónimo de Martin Girard. Porque a súa faceta de escritor proporcionou títulos imprescindibles como De cuerpo presente (1963), Trece veces trece (1964), Operación Doble Dos (1974), Gorila en Hollywood (1980), El hombre que soñaba demasiado (2005) ou La suela de mis zapatos (2006). Algúns dos seus relatos tamén foron adaptados para o cine. 

ParrandaO seu labor cinematográfico, que vai alternando co da escritura, comeza no ano 1966. Utilizando as personaxes dunha das súas novelas roda Ditirambo vela por nosotros que, un ano máis tarde, transformará na longa Ditirambo. Tras varias rodaxes experimentais, encárgase da adaptación ao cine da novela La Regenta (1974). Adapta a novela do ourensán Blanco Amor A Esmorga na súa película Parranda (1977) que formou parte das proxeccións do OUFF na edición de 2019. 

No 84 é a quenda de Epílogo, para a que retoma aos personaxes da súa primeira película. Los Pazos de Ulloa (1985), a adaptación para televisión da obra de Emilia Pardo Bazán dálle moitas alegrías. Xa no ano 1987 estrea Remando al viento, que lle valeu o Premio Goya ao mellor director e o mesmo recoñecemento no Festival de Cine de San Sebastián. Algunhas das súas obras máis destacadas dos últimos anos son Don Juan en los infiernos (1991), La reina anónima (1992), El detective y la muerte (1994), El portero (2000) ou Oviedo Express (2007), entre outras moitas das que dirixiu. 

No capítulo dos recoñecementos, pódese dicir que Gonzalo Suárez teno todo. O Premio Nacional de Cinematografía, a Medalla de Ouro ao Mérito de Belas Artes, a Medalla de Prata do Principado de Asturias, Medalla de Ouro dos Premios Forqué e tamén foi nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras da República Francesa. Este ano recibiu o Premio Luis Buñuel no Festival Internacional de Cine de Huesca. Unha longa lista de galardóns aos que agora se suma a Calpurnia de Honra desta nova edición do OUFF, que terá lugar entre o 24 de setembro e o 2 de outubro deste 2021, buscando recuperar a normalidade despois dun 25 aniversario marcado pola covid.