O OUFF homenaxea a Eloy Lozano coa proxección da súa película “As belas dormentes”

  • O certame tamén publicará unha monografía sobre o cineasta, que fundou o Festival de Cine de Ourense en 1996 e está considerado pioneiro do audiovisual galego.

A edición número 25 do Ourense Film Festival (OUFF) rendirá homenaxe ao seu fundador e director do primeiro certame, Eloy Lozano, coa proxección da longametraxe “As belas dormentes” e a publicación dunha monografía que lembra a traxectoria de quen foi unha figura imprescindible do audiovisual galego.

O ourensán Eloy Lozano (1953-2009) foi un profesional multidisciplinar que destacou como realizador, guionista, produtor, editor e fotógrafo. Traballou sobre todo no  mundo da publicidade, aínda que deixou unha pegada imborrable no cine. Ademais de dirixir a primeira edición do certame ourensán, daquela Festival de Cine Independente de Ourense (1996), realizou a primeira curtametraxe en 35 milímetros rodada en galego, “Retorno a Tagen Ata”. Foi, en palabras do crítico de cine Eduardo Galán, autor do libro sobre Lozano, “o noso pioneiro”.

Dirixiu, porén, unha única longametraxe de ficción, pero unha moi especial. “As Belas Dormentes” (2001) é un filme rodado en Galicia, en inglés, e que adapta unha obra do Premio Nobel Yasunari Kawabata. Conta cun reparto internacional liderado por Clive Arrindell, o coñecido rostro dos anuncios do Sorteo de Nadal da Lotaría Nacional. A película foi exhibida no seu momento en varios festivais internacionais, e agora chega a Ourense para conmemorar o 25 aniversario do certame de cine.

A homenaxe a Eloy Lozano completarase coa publicación da monografía que preparaou o escritor e crítico de cine Eduardo Galán co obxectivo de “reivindicar unha figura que non é suficientemente coñecida pero que é de importancia vital para o audiovisual galego”. O libro, titulado “Eloy Lozano, o cineasta que devorou a luz”, recorda a obra de Lozano a través das conversas que o seu autor mantivo cos seus familiares, amigos e colaboradores. Tamén das súas propias lembranzas, xa que Galán e Lozano eran coñecidos e traballaron xuntos na Televisión de Galicia (TVG).

A publicación formará parte do catálogo de obras propias que o OUFF recuperou hai tres anos, e que nesta nova etapa repasou tamén a traxectoria do cineasta Xavier Bermúdez e a produtora Vaca Films.