-
O concurso, destinado a centros de ensino non universitarios, está convocado pola Concellería de Educación do Concello de Ourense
-
O prazo de inscrición remata o vindeiro 5 de xullo
A 26ª Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) acollerá unha nova edición do OUFF Escola no próximo mes de setembro. O certame escolar acada este ano a súa décimo segunda edición. A Concellería de Educación do Concello de Ourense volve ser a organizadora, contando coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e do propio festival.
Despois do parón motivado polo coronavirus no pasado ano, o OUFF Escola volve con máis forza ca nunca. Búscase motivar á xuventude para que produza as súas propias obras audiovisuais ao mesmo tempo que se impulsa o uso do galego e se fomenta a creatividade e o traballo en equipo. Outro dos obxectivos é coñecer a visión da mocidade sobre a súa contorna sociocultural ademais de potenciar o uso das tecnoloxías da información, entre outros.
O OUFF Escola é o espazo de referencia para mostrar o audiovisual feito nas aulas de Galicia. Está destinado a centros educativos públicos e privados de ensino non universitario de Galicia e aos de fóra da comunidade con materias en lingua galega. Conta con dúas categorías: Infantil e Primaria e Outros niveis de ensino non universitario. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 5 de xullo, dende a web da Concellería ou do propio festival.
3.000 euros repartidos en oito premios
En cada categoría establécense este ano catro premios, sumando nesta edición un máis xa que se retoma a concesión do terceiro premio que se desbotara nas últimas edicións. Os premios en cada categoría, que se entregan aos centros educativos, son:
- 1.º Premio: seiscentos euros.
- 2.º Premio: catrocentos euros.
- 3.º Premio: douscentos euros.
- Premio Blanco Amor ao Mellor Guión: trescentos euros (300).
As obras audiovisuais que se presenten ao XII OUFF Escola deberán estar en lingua galega, ser orixinais ou adaptacións e de temática libre. Poden ser de xénero de ficción, documental ou animación e ter unha duración máxima de 20 minutos. Todo o proceso de creación da película (interpretación, dirección, guión) deberá ser realizado polo alumnado ou por membros activos da comunidade escolar.
Un xurado formado por cinco persoas, terán en conta a calidade e orixinalidade da peza audiovisual, a potenciación dos valores democráticos e de tolerancia na sociedade, a calidade do uso da lingua e o uso das novas tecnoloxías á hora de decidir quen son os premiados. Os galardóns serán entregados nunha cerimonia durante a celebración da 26 edición do OUFF, que terá lugar entre o 24 de setembro e o 2 de outubro de 2021.
A folla de inscrición para participar pode descargarse neste enlace.