Jose Coronado: “Agradezo que me consideren merecedor deste premio. Amo a televisión por encima de calquera plataforma”

  • O actor recibe o Premio OUFF Televisión 2021 pola súa dilatada traxectoria no eido audiovisual

  • Será o terceiro galardoado en recibir este premio, despois da actriz galega Cristina Castaño e da serie La que se avecina

  • A entrega terá lugar nun acto no Teatro Principal a partir das 19.30 horas no que tamén se preestrea a nova serie “Entrevías” que protagoniza xunto a Luis Zahera e Nona Sobo

 

Ourense, 29 de setembro– “En recoñecemento á súa extensa carreira profesional que inclúe preto de 40 películas, máis dunha ducia de obras de teatro e series para televisión nas que interpretou papeis memorables”. Así chega a Ourense Jose Coronado como último premio OUFF Televisión 2021. 

Avalado por unha ampla traxectoria, a 26 edición do Ourense Film Festival (OUFF) recoñece o traballo realizado polo actor madrileño para a pequena pantalla pero tamén no eido cinematográfico e cultural. Nun encontro cos medios, previo á entrega do premio, Jose Coronado estivo acompañado de Arantxa Écija, directora de Programas de Ficción de Mediaset España, e de Miguel Anxo Fernández, director do festival.

Miguel Anxo Fernández comenzou a intervención agradecendo a presenza dos convidados e, sobre todo, a Mediaset España “por seguir colaborando co festival e traernos hoxe hasta aquí a estrea de Entrevías. É un privilexio teros aquí”. Arantxa Écija recordou que “xa estivemos aquí con Desaparecidos. La serie e estamos encantados de volver. Esperamos que a serie guste xa que é a primeira vez que se vai a ver”. Sobre o premiado, destacou que “Coronado xa leva con Mediaset moitos anos, antes cando se chamaban teleseries e agora que xa son series de ficción e non podemos estar máis contentos”.

O homenaxeado co Premio OUFF Television 2021 comezou “agradecendo que me consideren merecedor deste premio. Amo a televisión por encima de calquera plataforma. Cando empezaba dicíanme que era un medio menor, que fixera cine e teatro e eu cría que estaban equivocados. Seguín as miñas conviccións e agora gáñome a vida dignamente e teño o cariño da xente por entrar cada noite na súa casa”.

Sobre a serie Entrevías comentou que “é un formato novidoso. Pode ser moi interesante descubrir este barrio multicultural, multirracial e multisexual, no que afrontei un gran reto: o meu primeiro avó. Cando me chegaron os guións eu pensaba en poñerme bastón e pelo máis branco pero dinme conta de que eu podería ser un avó tranquilamente, teño un fillo de 30 anos. Así que aquí reivindico o posto de avó do século XXI”. Falando desta nova ficción, que Écija confirmou que “esperamos poder estreala en 2022”, dixo que “vai enganchar a todo o que a vexa. Ten amor, acción, mundo oscuro… eu vin os tres primeiros capítulos e estou desexando seguir vendo máis”.

Preguntado pola covid, Coronado afirmou que “eu non deixei de traballar pola pandemia en ningún momento” e sobre o futuro dixo que “aprendín a namorarme do que teño entre mans, non de futuros proxectos” ó tempo que aseguraba ser un “namorado deste oficio e, especialmente, do traballo co equipo”.

O Premio OUFF Televisión, que vai pola súa terceira edición (foi entregado a Cristina Castaño e La que se avecina), “quere destacar o ánimo que a ficción televisiva está a tomar nos últimos anos, co engadido de incorporar recursos e estrutura narrativas tomadas do cinema, ademais da propia dinamización do sector. Talento, creatividade e industria están a camiñar da man co obxectivo común de producir imaxes de calidade, das que o premiado, Jose Coronado, é un garante de prestixio”. Así o recoñece a organización do festival de cine na acta do Premio OUFF Televisión 2021.

Jose Coronado: traxectoria

Periodistas, Acusados, El Príncipe, Gigantes, Vivir sin permiso, El inocente ou a recente Entrevías son só algúns dos traballos nos que ten participado Coronado ofrecendo ao público personaxes memorables da altura de Nemo Bandeira, Luis Sanz en Periodistas ou Lucas en Brigada Central. Unha extensa carreira que se remonta á década dos 90 e que se mantén en plena forma con novos proxectos.

Gañador do Goya en 2012 pola súa interpretación en No habrá paz para los malvados de Enrique Urbizu, Jose Coronado é unha das caras máis coñecidas do audiovisual español. Centrándonos na súa carreira televisiva, destacan papeis como o axente Lucas en Brigada Central (1990-1992) ou o xefe de Local Luis Sanz na mítica Periodistas (1998-2002). A estas seguirían outras series como Código fuego (2002), Los ochenta (2004), RIS Científica (2007) e Acusados (2008). En 2013, El Príncipe convirtese no seu novo éxito, con grandes críticas e audiencias ata a súa fin no ano 2016. No 2018 participa en Gigantes, de Movistar+, e Vivir sin permiso, na que volve a compartir cartel con Álex González. Neste 2021, Jose Coronado estrou a serie de Netflix El inocente, que acadou un gran éxito internacional de público e na que comparte pantalla con Mario Casas e Alexandra Jiménez.

Preestrea de Entrevías

A serie Entrevías é o máis recente dos traballos de Jose Coronado. A proxección do primeiro capítulo terá lugar no marco do Festival de cine de Ourense tras a entrega do premio OUFF Televisión. Coronado comparte protagonismo na serie con Luís Zahera e a actriz Nona Sobo no seu primeiro traballo de interpretación.

Creada por Aitor Gabilondo e David Bermejo, Entrevías combina drama, acción e humor e narra a historia de Tirso Abantos, un home de principios cuxa existencia cambia cando a súa neta adolescente irrompe na súa vida. O novo proxecto de ficción de Mediaset España aborda cuestións de fondo como a brecha xeracional, os cambios na sociedade, a crise de valores e a convivencia entre persoas de distintas culturas.