O actor francés José García, Calpurnia de Honra Internacional no OUFF 2019

José García en OUFF
  • O presidente da Deputación, Manuel Baltar, foi o encargado de comunicarlle a nova do galardón, na entrevista que mantiveron no Pazo Provincial, onde o actor asinou no Libro de Honra da institución

  • José García, fillo de emigrantes galego, é un dos intérpretes máis recoñecidos do cinema francés e mantén unha estreita relación co Carballiño. A entrega do premio terá lugar na 24 edición do OUFF, que se celebrará en Ourense do 27 de setembro ao 5 de outubro

José García, Manuel Baltar y Miguel Anxo Fernández.

O actor francés José García recibirá na 24 edición do Ourense Film Festival a Calpurnia de Honra Internacional en recoñecemento á súa carreira no mundo da interpretación. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, comunicoulle esta mañá persoalmente o recoñecemento por parte do festival, considerando “unha honra compartir conversa cun dos grandes de Ourense, Jose García, un actor de incrible prestixio en Francia, que non esquece as súas raíces, e que vai a ser recoñecido no OUFF coa súa Calpurnia de Honra Internacional, un merecido galardón”, dixo Baltar.

O presidente do goberno provincial destaca de José García “a súa fonda relación con Ourense e a súa exitosa carreira, con máis de sesenta filmes en Francia e tamén en España, o que fan del un referente audiovisual, co que imos contar no OUFF nesa homenaxe especial pero que, sen dúbidas, vai quedar vencellado ao festival, que a Deputación de Ourense organiza en 2019, logo de evitar que desaparecera en 2018 facéndose cargo do mesmo, e que co traballo de persoas como Miguel Anxo Fernández e Aurelio Gómez Villar vai a vivir este ano unha edición única”.

José García é fillo de emigrantes galegos en París, con casa familiar no carballiñés barrio de Toscaña, onde regresa regularmente. Pola súa estreita relación co Carballiño, García recibiu en 2005 a máxima distinción que concede o seu concello, a Medalla de Ouro. Nacido en París en 1966, casado coa guionista, directora e actriz, Isabelle Doval, e pai de dúas fillas, García fíxose popular cun show que xa está na historia do humor televisivo francés, Nulle  part Ailleurs (“En ningún outro lugar”). Emitiuse en Canal Plus durante sete anos e xunto a Antoine de Caunes, recrearon numerosos personaxes. 

30 anos de traxectoria internacional

A súa popularidade permitiulle dar o salto ao cinema nos primeiros anos noventa, ao principio en aparicións puntuais para ser protagonista moi pronto. Así, converteuse nun dos actores preferidos do público, protagonizando desde entón máis de sesenta filmes, traballando con algúns dos grandes do cinema galo, entre eles Costa-Gavras (“Arcadia”, 2005), Jean-Jacques Annaud (“Su majestad Minor”, 2007),  Regis Wagnier (“Plaga final”, 2007), e en España con Carlos Saura en “El 7º día” (2004) e Miguel  Curtois en “GAL” (2006). Protagonista de comedias de éxito, participou en “Astérix y los Juegos Olímpicos” (2008), tamén ten un breve papel en “Ahora me ves” (2013). 

Tivo como compañeiros de reparto a grandes do cinema francés como Michel  Serrault, Charles Aznavour, Jean- Paul  Belmondo e Alain Delon, ademais de actrices como Isabelle Huppert, Marion  Cotillard, Rossy de Palma ou Carmen Maura, e actores como Daniel Auteil, Omar Sy, Françous Cluzet, entre moitos outros. García estrea en España “Lola y sus hermanas” o próximo 8 de agosto, e “Pequeñas mentiras para estar juntos” en outubro. 

A entrega da Calpurnia de Honra Internacional a José García realizarase nunha gala durante a 24 edición do OUFF, que se celebrará na cidade entre o 27 de setembro e o 5 de outubro. Ademais da entrega do premio, no acto proxectarase unha das súas novas películas. Este galardón únese ao da produtora Vaca Films, premiada coa Calpurnia de Honra. Proximamente daranse a coñecer máis detalles sobre o festival.