NOEMI CHANTADA

Noemi Chantada (Vigo) é titulada en Imaxe pola EISV e traballou como directora de foto e cámara durante os últimos anos. En 2016 funda a produtora Islandia Producións para poder desenvolver outro tipo de proxectos, que arrincan coa curtametraxe documental «A muller invisible» (2017), que foi moi ben acollido. Despois codirixiu o documental «Sorrisos Transformadores» co seu compañeiro Oscar Pardo e en 2020 presenta o seu primeiro traballo de ficción «Xoves de Comadres», premiado nos Mestre Mateo, OUFF en Curto e o Festival de Málaga, entre outros.

 

 

 

 

 

 


LIDIA VEIGA

Licenciada na Escola Superior de Arte Dramático de Galicia comeza de contado a participar nos seus primeiros proxectos audiovisuais, teatrais e pedagóxicos, arrancando así a súa carreira profesional. Nestes últimos anos traballou como actriz en diferentes obras, series, películas e curtametraxes galegas como “Onde Dormen as Gaivotas”, pola que recibiu o Premio Fundación AISGE á mellor interpretación feminina no OUFF. Traballa como profesora de teatro no seu pobo e tamén se está iniciando no mundo da dobraxe. Nestes intres atópase na rodaxe da serie “Argonautas” producida por Portocabo e ClanTV e axiña a poderemos ver en filmes como “Cando Toco un Animal” ou “Un Pasado por Delante”, entre outros

 

 

 

 

 


LAURA DOVAL

Produtora e socia co-fundadora de Gaitafilmes, Laura (Meira) é produtora executiva da longametraxe “Dhogs” (2017) de Andrés Goteira, unha película que acadou numerosos premios, entre eles trece Premios Mestre Mateo. Entre os seus últimos traballos destaca o documental ‘’Welcome to ma maison’’, finalista na última edición dos Premios Mestre Mateo. Actualmente traballa no desenvolvemento de varias longametraxes de ficción (“Monstro”, “Sucio Pó Estelar”…) e documentais (“Aurora”), entre outros proxectos audiovisuais, así como na posta en marcha xunto aos seus socios Suso López e Andrés Goteira dun Estudo Rural de Edición Cinematográfica na aldea de Mestre (Ribeira de Piquín). Como técnica, formou parte do equipo de produción da serie “3 Camiños” (Amazo Prime) e das longametraxes “Cuñados” e “Amigos hasta la Muerte”, estas dúas últimas rodadas en Ourense.