O Festival de Cine de Ourense, que terá lugar entre o 23 de setembro e o 1 de outubro de 2022, fai hoxe público que Lucía C. Pan recollerá -tal e como xa fixera o ano pasado a produtora Beli Martínez-, o Premio Chano Piñeiro desta edición do OUFF. O festival concédelle este galardón a Lucía C. Pan por “representar dende a fotografía, o talento que aniña no audiovisual galego actual, na súa diversidade de formatos e a súa mestizaxe formal”, en palabras da organización.
A directora de fotografía amosouse “agradecida porque o Festival de Ourense lle conceda este premio” e engadiu que “é un premio tamén colaborativo, non só para os equipos de fotografia cos que traballo habitualmente. É un recoñecemento para o resto de departamentos fan forza con nós para construír novas narrativas e poder facer o que facemos”.
Lucía C. Pan (Cambre, 1984) estudou Belas Artes na universidade de Vigo e especializouse en fotografía cinematográfica pola ESCAC. Ao longo da súa carreira traballou en diversos proxectos dirixindo a fotografía de curtametraxes como Eco, 2015, de Xacio Baño ou Matria, 2017, de Álvaro Gago, proxecto gañador de Sundance entre outros festivais. En 2009 incorpórase ao proxecto en torno ao Retrato Filmado do Festival Play-Doc, que se extende ao longo de 5 anos de constante aprendizaxe no mundo do documental. En 2015 realiza a fotografía do documental Islas, unha coproducción cubano-polaca, da realizadora Adriana F. Castellanos. En 2016 remata a rodaxe do filme de ficción Dhogs de Andrés Goteira, polo que sería galardonada en 2018 co Mestre Mateo á mellor dirección de fotografía. Posteriormente acada o seu segundo Mestre Mateo na mesma categoría pola primeira longametraxe de Xacio Baño, Trote, e recentemente o terceiro polo filme ¿Qué hicimos mal?, de Liliana Torres. Lucía convértese así na primeira muller en acadar dito recoñecemento no audiovisual galego. Na actualidade está a rodar Los Argonautas, a primeira serie infantil de imaxe real que producen a galega Portocabo e RTVE para Clan.
Chano Piñeiro: un premio ao talento e o emprendemento
O Ourense Film Festival institúe dende a pasada edición este premio Chano Piñeiro como recoñecemento aos emprendedores e emprendedoras do audiovisual galego, profesionais que dende diferentes frontes sacan adiante os seus proxectos, en ocasións á marxe da industria estandarizada. Así é como o cinesasta de Forcarey logrou facer realidades, entre 1985 e 1989, a sus primeira longametraxe, Sempre Xonxa, botando man de solucións imaxinativas para atopar os apoios económicos necesarios e a complicidades emocional da sociedade galega. Por iso o premio leva o seu nome.