Lúcia Moniz: “É un filme baseado nun caso real e que busca que o espectador non saia indiferente da sala”

  • A actriz é a protagonista de Listen, que compite na Sección Oficial
  • Estará presente no pase de mañá nos cines do Ponte Vella

Ourense, 29 de setembro– Tras recibir en 2020 o premio á Mellor ópera prima no Festival de Venecia, Listen chega a Sección Oficial de Longametraxes do Ourense Film Festival (OUFF) cunha historia dirixida por Ana Rocha da Sousa e protagonizada por Lúcia Moniz. A actriz lusa salientou esta mañá no acto de presentación do filme que estaba encantada de “poder fortalecer os lazos entre Galicia e Portugal e de que esta película estea seleccionada”. 

“Ana Rocha de Sousa, a directora, atopouse un día coa noticia real dunha familia portuguesa no Reino Unido á que lle pasou algo moi similar ao que se conta no filme e isto serviu de base para realizar esta historia ficcionada coa base dos datos reais” comentou sobre os orixes da historia. “É un filme baseado nun caso real, que reflicte unha preocupación real e que cantas máis persoas coñezan millor e que busca que o espectador non saia indiferente da sala” dixo.

Preguntada sobre o proceso de preparación da personaxe, afirmou que “foi un proceso duro e moi longo, xa que ademais tiven que aprender lingua de signos. Comecei por documentarme moito, logo falei coa miña psicóloga sobre o perfil dela para entender como é esa perda que pasa, que é como un luto, e logo veu o máis duro que foi rodar as esceas”. A actriz tamén falou do seu primeiro papel no cine na película Love Actually, “que supuxo unha experiencia increíble”.

Listen: a historia

Nos arredores de Londres, unha parella portuguesa e pais de tres fillos, Bela e Jota, loitan por chegar a fin de mes. Cando na escola xorde un malentendido coa filla xorda, os servizos sociais británicos preocúpanse pola seguridade dos seus fillos. A película retrata a incansable batalla destes pais inmigrantes contra a lei para manter á súa familia unida.

Últimas proxeccións

A Sección Oficial encara a súa recta final de proxeccións antes da lectura do palmarés, que terá lugar mañá. Recordemos que un total de 10 longametraxes compiten pola Calpurnia á Mellor Película. Será o xurado do OUFF, presidido por Iván Trujillo o encargado de seleccionar os gañadores mentres os asistentes aos cine elexirán o Premio do Público. Mañá, xoves, 30 de setembro, será a última oportunidade para ver Listen, nun pase que contará coa asistencia de Lúcia Moniz.