- Malencolía estréase esta noite na gala de inauguración
- A película foi rodada plenamente na provincia, concretamente, no Irixo e O Carballiño
Ourense, 24 de septiembre– O Ourense Film Festival (OUFF) tiña que comezar cunha película na que se vira a relevancia de Ourense como plató de cine. E non podía ser outra que coa estrea mundial de Malencolía, de Alfonso Zarauza, rodada este mesmo ano na provincia. O director, acompañado de Melania Cruz, actriz principal, Xúlio Abonjo, actor principal, Ledicia Sola, actriz secundaria, e Martín Calviño, produtor executivo, presentaron esta mañá en rolda de prensa o filme de apertura da 26 edición do OUFF.
A gala, que comezará a partir das 20:30 horas, no Auditorio Municipal de Ourense, terá como punto forte a estrea desta película de terror “pouco convencional” e que foi rodada en escenarios do Carballiño, Boborás e O Irixo, contando coa colaboración da Deputación de Ourense. O seu director afirma que “estamos moi emocionados. A película está recén saída do forno, rematada de fai dous días pero o lugar da estrea estaba claro e tiña que ser en Ourense e no OUFF. Foi moi importante o apoio da Deputación de Ourense e da xente de O Irixo e O Carballiño que nos axudou”. Zarauza engadiu que “me sairon canas á vez que este festival cumpría anos. Estiven na primeira edición e para min era como un soño presentar aquí os meus filmes e hoxe aquí estou”.
Sobre o filme salientou que “se trata de cinema de terror clásico pero vencellado por unha banda, coa melancolía, e pola outra, coa tradición galega deses contos de lareira que ata agora non se trataran moito no cinema galego e que penso que son unha temática moi rica e moi nosa. Ademais, tódolos actores están extraordinarios e cun look moi coidado e diferente. Xa o veredes”. Preguntado polo seu xeito de traballo, o director afirmou que “sempre traballo coa misma xente. Iso permíteme conseguir cousas difíciles como foi rodar esta película en 13 días. Para min o importante é facer cine con personalidade e con ollada propia e, sobre todo, que consiga chegar aos espectadores con forza”.
Sobre a elección da aldea de San Cosme, en O Irixo, como escenario principal da rodaxe, Alfonso Zarauza dixo que “realmente empezamos Marta, a miña xefa de produción, e eu a perdernos por Ourense ata que un día atopamos esta pequena aldea. O encontro cos veciños da zona foi marabilloso e moi construtivo; viñan ver os decorados, paseaban todos os días e ata acabaron dicíndonos que mercáramos unha casa alí”.
Tanto Melania Cruz, que destacou a “divertida experiencia que supuxo esta película” como Xúlio Abonjo, que afirmou que “só espero que todo o traballo e esforzo do filme cheguen ao espectador e lles guste”, quixeron dar as grazas ao festival por servir de escenario para a estrea mundial de Malencolía. Na mesma liña, a ourensá Ledicia Sola agradeceu ao OUFF pero tamén a Zarauza “por contar comigo por terceira vez. Trátase dunha película diferente cun sello autoral moi marcado e con personaxes moi especiais”. O produtor do filme, Martín Calviño, reiterou o agradecemento “á Deputación de Ourense por apoiar a cultura nestes tempos difíciles nos que facer cine é complicado”.