Manuel Baltar visita no mosteiro de San Pedro de Rocas a rodaxe da película Live is life 

Visita a Dani de la Torre
  • Xunto ao director do filme, Dani de la Torre, coñeceu os detalles deste traballo audiovisual “que será o gran éxito do cinema español en 2021, tendo como escenario perfecto para a historia o mosteiro de Rocas, o enclave máis visitado da Ribeira Sacra”, afirma Baltar 

  • O presidente destaca o feito de que a película “vaia ser distribuída por Warner Bros, o que da unha idea da dimensión deste proxecto, que reúne todos os requisitos para ser moi atractivo para o público” 

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe no mosteiro de San Pedro de Rocas a rodaxe da película Live is life, de Dani de la Torre, o director monfortino que recibirá o “Premio Ourense” na 25ª edición do Festival de Cine de Ourense (OUFF) como recoñecemento a súa labor no cinema. Este novo filme, que conta con guion de Albert Espinosa, estase a rodar en diferentes puntos da provincia de Ourense, e afonda na iniciativa promovida polo presidente da Deputación “de seguir potenciando Ourense como gran plató de cine”. 

Baltar, quen na súa visita á rodaxe estivo acompañado polo propio Dani de la Torre e polos directores artístico e cultural do OUFF, Miguel Anxo Fernández e Aurelio Gómez Villar, respectivamente, dixo que Live is life “será o gran éxito do cinema español de 2021, tendo como escenario perfecto para a historia o mosteiro de Rocas, o enclave máis visitado da Ribeira Sacra, que será declarada Patrimonio Mundial pola Unesco, unha iniciativa que impulsou e promove a Deputación de Ourense”, afirma Manuel Baltar. 

O presidente provincial destaca que “só o feito de que a vaia distribuír a Warner Bros da unha idea da dimensión deste proxecto, que reúne todos os requisitos para ser moi atractivo para o público, sendo un deles os escenarios naturais da nosa provincia, e neste caso un lugar máxico como o mosteiro de San Pedro de Rocas”. 

Baltar salientou que “estamos a piques de inaugurar a 25ª edición do OUFF, que organiza a Deputación, o que supón unha das cuestións máis importantes que temos dentro desa cultura con maiúsculas que defendemos, para situar a Ourense como plató de producións audiovisuais”, expresou, remarcando que desta maneira “contribuímos tamén a que produción audiovisual en España sexa de gran nivel, e nesa aposta, nesa difusión económica, social e turística a Deputación de Ourense ve unha oportunidade promovendo o impulso do audiovisual, tendo en conta o protagonismo do cinema, que ten un peso de seu”, sinala Manuel Baltar. 

Live is life conta a historia dun grupo de cinco mozos que viven a mediados dos oitenta e que intentan facer realidade os seus soños nunha noite de San Xoán nunha aldea galega. A rodaxe comezou o pasado mes de agosto en terras galegas, entre elas, en Monforte de Lemos, a terra natal de Dani de la Torre. O filme está producido por Atresmedia Cine, 4 Cats Pictures e Live is Life AIE, e Warner Bros. Pictures España será a encargada de distribuila en salas no 2021.  

O cineasta monfortino Dani de la Torre está moi vencellado con Ourense, xa que foi aquí, concretamente na Escola de Cine de Bemposta onde se formou en Imaxe e Son. No ano 2004 recibiu o Premio do Público do Festival de Cine de Ourense pola súa curtametraxe “Lobos”. Foi xa no 2015 cando dirixiu a súa primeira e exitosa longametraxe, “El desconocido”, á que seguiría no 2018 o filme “La sombra de la ley”. Para televisión rodou “La unidad”, o fenómeno televisivo deste ano de Movistar+. A estrea da súa nova película “Live is life” está prevista para o 2021.