Manuel Outumuro inaugura a mostra “O anxo que nunca fun”, que forma parte da programación do OUFF

O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación acolle desde hoxe esta exposición do prestixioso fotógrafo, froito do traballo de colaboración entre o autor, a Deputación e o Ourense Film Festival (OUFF).

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e o equipo do OUFF, participaron hoxe na inauguración “O anxo que nunca fun” do fotógrafo ourensán Manuel
Outumuro, que se poderá visitar no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata o 6 de xaneiro de 2025. Na súa intervención, Luis Menor reivindicou que a traxectoria e o traballo realizado ao longo de tantos anos por Outumuro é fundamental para “entender a cultura visual española contemporánea”, asegurando que un home autodefinido como “artesán que realiza fotografías por encargo” é “observar a evolución da cultura visual española, especialmente a moda e o cine”.Pola súa parte, o director do Ourense Film Festival, Miguel Anxo Fernández dixo que para o OUFF é “un motivo de orgullo participar como copatrocinadores desta exposición, un proxecto tan persoal de Manuel Outumuro, ao que lle estamos moi agradecidos por ter deseñado o vistoso cartel para o festival deste ano. Con esta tan orixinal como magnífica exposición, que transcende máis alá de Ourense e na que asoma a mirada singular do seu prestixioso autor, o Ourense Film Festival mantén a súa liña de promover as actividades vinculadas ao audiovisual a través de fotografía.

Manuel Outumuro está especializado nos retratos e polo seu obxectivo pasaron centos de emblemas da contemporaneidade -directores, actores, modelos, escritores, deportistas…- para publicacións de referencia nacionais e internacionais. Neste sentido, cabe destacar que o seu estilo é “único e o valor engadido do seu traballo é incalculable porque cada un dos seus retratos é unha obra de arte”, asegurou o presidente provincial. A vinculación coa súa terra está moi presente na vida de Manuel Outumuro, quen atesoura unha longa lista de premios nacionais e internacional do máximo recoñecemento. A súa traxectoria e o seu prestixio profesional levaron ao xurado do Premio Ourensanía a acordar por unanimidade, a concesión deste galardón na edición de 2022.

Na inauguración desta mostra que chega ao Centro Cultural froito da colaboración entre o autor, a Deputación e o Ourense Film Festival (OUFF), tamén participou o propio fotógrafo, Manuel Outumuro; unha das comisarias da mostra, Imma Cortés; o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; o director do Centro Cultural, Francisco González; e o director do OUFF, Miguel Anxo Fernández. Manuel Outumuro explicou que das máis de 20 exposicións que fixo ao longo da súa carreira, esta é a primeira delas nas que hai unha importante implicación persoal. O fotógrafo dixo que en “O anxo que nunca fun hai un relato a través dos recordos da miña infancia e a posterior influencia que estes puideron ter na miña obra posterior. En definitiva, estes recordos, a modo de memorias escritas, toman gran importancia nesta exposición”.

Neste sentido, Imma Cortés explicou que esta exposición, que tamén foi comisariada por Sílvia Omedes, é froito do traballo realizado nos últimos 10 meses durante os cales se investigou no fondo fotográfico do autor, que representa e xestiona a Fundación Photographic Social Vision, para localizar aquelas imaxes que mellor plasmaran a influencia que tivo a súa infancia en A Merca e Ourense na súa obra posterior. Como resultado, “esta exposición inclúe imaxes inéditas que Outumuro fixo na actualidade, intentando recrear algúns recordos que permaneceron na súa memoria durante toda a súa vida”, explicou a comisaria da mostra, Imma Cortés. Ambas series de imaxes configuran un relato que viaxa entre o pasado e o presente, e que axudan a entender mellor a obra deste recoñecido retratista e fotógrafo de moda.

Ademais, a exposición compleméntase cun catálogo deseñado por Mireia Carbonell, cun formato inédito entre as publicacións deste autor, que inclúe textos e memorias do seu pasado e as súas raíces.  O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Anxo Lorenzo, salientou a importancia de “promover actividades culturais en. espazos que sirvan de altofalante para artistas da nosa Comunidade”. Ademais, tamén puxo en valor o Ourense Film Festival, co que colabora a Xunta, que se celebrará dende o 27 de setembro ata o seis de outubro e que salientou como “un dos grandes encontros para o sector audiovisual galego”.