Manuel Villanueva, director xeral de Contidos de Mediaset España, Premio OUFF Televisión 2023

 

►O grupo de comunicación presentará en primicia en Ourense o primeiro capítulo da serie Urban. La vida es nuestra; estreará o tráiler e un adianto exclusivo da película Ocho apellidos marroquís, de Telecinco Cinema; mostrará unha reportaxe da nova tempada do programa de Cuatro Fuera de cobertura; e clausurará o Festival coa película Mi otro Jon antes da súa estrea en cinemas.

A 28ª edición do Ourense Film Festival (OUFF) recoñece en 2023 “a ampla e exitosa traxectoria profesional no mundo da televisión” de Manuel Villanueva (Marín, 1957), concedéndolle o Premio OUFF Televisión. O galardón, ademais, subliña o vínculo do director xeral de Contidos de Mediaset España coa provincia de Ourense e o seu apoio e colaboración co festival desde os seus inicios. Villanueva recibirá este recoñecemento o mércores 4 de outubro no Teatro Principal de Ourense.

A presenza de Mediaset España no OUFF complétase nesta edición con varias primicias para o público do festival, xa que o grupo presentará o primeiro capítulo da serie Urban. La vida es nuestra, coa presenza de Asia Ortega, unha das súas protagonistas; estreará o tráiler e mostrará en exclusiva un clip da película de Telecinco Cinema Ocho apelidos marroquís, nun acto ao que acudirá o seu director, Álvaro Fernández Armero, con parte do elenco artístico; pre-estreará unha reportaxe da nova tempada do programa de Cuatro Fuera de cobertura, coa presenza da súa directora e presentadora, Alejandra Andrade; e mostrará por primeira vez Mi otro Jon, película de Paco Arango 100% benéfica para a Fundación Aladina, na gala de clausura.

Manuel Villanueva: unha vida dedicada á televisión

Director xeral de Contidos do grupo Mediaset España, Manuel Villanueva está considerado como un dos directivos máis importantes da televisión neste país. Os seus inicios profesionais están ligados á radio en Galicia, con colaboracións en Radio Pontevedra (Cadena Ser), Radio 80 Pontevedra e, posteriormente, na radio pública autonómica. En televisión iniciou a súa traxectoria na Televisión de Galicia para pasar posteriormente a Canal Plus, Antena 3 e, finalmente a Telecinco desde 2002, onde ocupa o cargo de director xeral de Contidos do grupo Mediaset España.

En prensa escrita foi colaborador de xornais como Diario de Pontevedra, La Voz de Galicia, La Región, Faro de Vigo, a revista Luzes, Tapas, o diario El Mundo ou o diario dixital Nius coa sección semanal, “Palabra de Vino”. Impartiu seminarios de formación en distintas universidades como a Complutense de Madrid, a Pontificia de Salamanca, a Universidade Europea de Madrid ou a Escola de Cinema San Antonio de Baños en Cuba.

A literatura é outra das súas grandes paixóns. Como escritor é autor de varios libros, entre os que destacan Por el camino primitivo. Peregrinar a Compostela (Fundación Caixa Galicia, 2008, coautor con Jesús Villamil) ou Palabra de Vino, (Muddy Waters Books, 2021). A súa vinculación, tanto co mundo do cinema como con Ourense, foi sempre moi estreita e valorada. En 2022, a Deputación de Ourense nomeouno Fillo Adoptivo da Provincia e en 2018 recibiu a Insignia de Prata das Xornadas de Cinema e Vídeo de Galicia (Xociviga, O Carballiño). Tamén foi un gran colaborador e apoio do Festival de Cinema de Ourense desde as súas primeiras edicións.

Primicias de Mediaset España no 28º OUFF

A gala de entrega do Premio OUFF Televisión 2023 a Manuel Villanueva terá lugar o mércores 4 de outubro ás 19:30h no Teatro Principal de Ourense.

O acto contará ademais con varios agasallos para o público do festival:
Pre-estrea en primicia de Fuera de Cobertura, con asistencia da súa directora e presentadora, Alejandra Andrade (Premio Ondas 2019). OUFF 2023 acollerá a proxección de Fentanilo, unha epidemia letal, un das reportaxes da nova tempada deste programa, no que Andrade viaxa ao epicentro da epidemia que está a causar esta droga en Estados Unidos e que se converteu na principal causa de morte entre os cidadáns de entre 18 e 49 anos deste país.

Presentación do trailer e un adianto exclusivo da película de Telecinco Cinema Ocho apellidos marroquís, coa presenza do seu director, Álvaro Fernández Armero e parte do seu elenco artístico. Protagonizada por Julián López, Michelle Jenner, Elena Irureta e María Ramos, conta a historia dunha muller que quere cumprir a última vontade de José María, o seu marido: recuperar o ‘Sardinete’, o primeiro pesqueiro da súa frota, que se atopa ancorado nun porto marroquí. Na súa viaxe de Cantabria a Marrocos acompañarana a súa filla e o ‘ex’ desta, desesperado por recuperar o seu amor. Entre choques culturais descubrirán ademais o gran secreto de José María: Hamida, a súa outra filla.

Previamente, o domingo 1 de outubro (19:30h), Mediaset España ofrecerá,antes da súa estrea en exclusiva dos días después en Prime Vídeo, o primeiro capítulo de Urban. La vida es nuestra, con asistencia de Asia Ortega, que protagoniza a serie xunto a María Pedraza e Bernardo Flores. Esta ficción narra a historia de dúas mulleres novas completamente opostas en aparencia que, unidas polo destino, emprenden unha viaxe a Málaga que é para ambas a fuxida dun presente complicado e infeliz cara a un futuro incerto, todo iso acompañado da música urbana que define a toda unha xeración.

Por último, na Gala de Clausura do 28º Ourense Film Festival o próximo 7 de outubro, terá lugar a pre-estrea de Mi otro Jon, película de Paco Arango 100% benéfica para axudar a nenos enfermos de cancro a través da Fundación Aladina, que se estreará en cinemas o 20 de outubro con Carmen Maura no papel protagonista. Esta comedia está producida por Abuela Jon S.L., Calcon e Telecinco Cinema, filial cinematográfica de Mediaset España.