Mariana Carballal, Premio OUFF Ourense 2023

Mariana Carballal (Albarellos, Monterrei, 1962) é unha convencida de que a ficción crea imaxinarios que inflúen na sociedade, razón pola que ética e compromiso forman parte da súa bagaxe artística. Actriz, directora e docente, Carballal recibirá o Premio OUFF Ourense en recoñecemento a unha traxectoria na que vai deixando pegada en múltiples proxectos e facetas profesionais. Tamén nas aulas, formando a futuros intérpretes desde fai máis de quince anos na ESAD (Escola Superior de Arte Dramática de Galicia) asi como na facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo. O seu activismo pola igualdade nas artes escénicas e no audiovisual, foi recoñecido non só pola profesión senón por diferentes entidades e institucións que valoraron a súa contribución para potenciar e visibilizar o traballo das mulleres no sector. Mariana Carballal recollerá o premio do OUFF na gala inaugural do festival. O 28ª OUFF terá lugar do 29 de setembro ao 8 de outubro.

Licenciada en Arte Dramática, posgrao en Estudos Teatrais e Cinematográficos e master en Teatro e Sociedade, o seu rostro e a súa voz alcanzaron enorme popularidade entre o público nas últimas décadas. Como actriz interpretou numerosos papeis tanto en cinema e televisión como en teatro. Sobre o escenario destacan actuacións como actriz no Centro Dramático Nacional, o Centro Dramático Galego ou o Teatro de Cámara. En televisión vímola en series como Fariña, Verão M. (Portugal), Vivir sen permiso, Ao choio, Nada é para sempre, Mareas vivas, Terras de Miranda, Hospital central, Pratos combinados, O show dous Tonechos, Casa Manola, e Serramoura.

Tamén en televisión deixou o a súa impronta en labores de dirección, faceta que lle apaixona: Libro de familia, serie record de permanencia na televisión autonómica galega, contou con ela como directora de casting e primeira directora da serie, en cincuenta capítulos. Na mesma cadea emitiuse nos anos 2011 e 2012 a súa creación orixinal Escoba!, unha sit-com con cinco mulleres protagonistas interpretadas por Rosa Álvarez, Elina Luaces, Teté Delgado, Mela Casal e Dorotea Bárcena. Con esta serie, Carballal reivindicaba o papel das “mulleres maiores” na sociedade e na pantalla. Pouco despois, a actriz e directora residiu durante un tempo en #Ecuador, onde exerceu de docente e puxo en marcha outras sit-com parala televisión pública dese país, 50+IVA.

Mariana Carballal comezou a súa carreira en Madrid, cidade na que residiu dúas décadas; alí, nos anos oitenta traballou no cárcere de mulleres de Yeserías como animadora sociocultural e, ademais, como parte da compañía teatral “Yeses”, promovida na prisión pola funcionaria Elena Cánovas. Curiosamente, moitos anos máis tarde, Carballal participaría xunto a boa parte das actrices máis coñecidas de España na película El patio de mi cárcel (2008), de Belen Macías, que recreaba a experiencia que fora Yeses. A gran pantalla tamén recorreu ao talento de Mariana Carballal como actriz en películas como Quien a hierro mata (2019) de Paco Plaza, Elisa y Marcela (2018), de Isabel Coixet, La felicidad de los perros (2016), de David Hernández, 22 Ángeles (2016), de Miguel Bardem, ou La piel que habito (2010), de Pedro Almodóvar, entre outros filmes.

Tempo de ensinar
Actores e actrices de xeracións posteriores á súa tiveron a sorte de asistir ás clases de Mariana Carballal. Nos últimos anos, case todo o seu tempo está dedicado ao ensino. Desde o ano 2007, é profesora de Interpretación da ESAD de Galicia; tamén na Facultade de Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo en Dirección Escénica e Interpretación, e no último lustro, exerce ademais na Universidade de Minho (Braga, Portugal) como profesora de Interpretación para Cámara. Di Mariana Carballal que ese contacto continuo co alumnado lémbralle que profesionalmente están todos a proba permanente. “É bo para eles e bo para min”, apunta.

Mariana Carballal foi unha das socias fundadoras da Academia Galega do Audiovisual en 2002. A loita pola igualdade e por visibilizar a situación das mulleres nas artes escénicas e no audiovisual forma parte do seu posicionamento persoal e profesional no mundo. Socia de CIMA (Asociación de Mujeres Cineastas y Medios Audiovisuales), coordinou diferentes foros e estudos ao redor da cuestión de xénero en teatro, cinema e televisión. Precisamente con CIMA e a Cátedra de Feminismos da Universidade de Vigo, xunto á sociologa Amada Traba, foi investigadora no estudo A representatividade e representación das mulleres no audiovisual galego; en 2022 coordina en Vigo o I Encontro Internacional Mulleres da Escena en Igualdade, organizado pola asociación Clásicas y Modernas. Entre os múltiples recoñecementos e galardóns pola súa traxectoria referencial e polo seu activismo, o pasado mes de marzo recibia o premio “8-M” outorgado pola Deputación de Ourense.

O OUFF está organizado pola Fundación Carlos Velo co patrocinio principal da Deputación de Ourense. Son copatrocinadores a Xunta de Galicia, Abanca, La Región, Gadis e Hijos de Rivera.

Foto Mariana Carballal: Ricardo Grobas